24X: A mocidade pola independencia

Galiza Nova, Briga, AMI, Agir, Adiante, Comités, Liga e Isca! convocan unha mobilización conxunta o vindeiro 24 de xullo para exixir a soberanía nacional para Galiza. Anova-Mocidade descólgase da convocatoria após ter participado nas xuntanzas previas. Vídeo no interior (GZ Vídeos)

Imaxe: Luís Pérez Barral
photo_camera [Imaxe: Luís Pérez Barral]

A manifestación, que percorrerá as rúas da capital da Galiza, partirá da Alameda compostelá ás 20.00h.

As organizacións convocantes chaman a reaxir "nun único, ilusionante e forte berro" a prol dunha "Galiza libre, moza, viva, rebelde e solidaria"

Baixo o lema 'Mocidade galega erguendo o seu futuro: Independencia', @s moz@s nacionalistas queren denunciar a situación que vive a xuventude galega marcada polas altas taxas de desemprego, emigración e precariedade laboral. Aliás, reivindican a soberanía nacional para Galiza a prol dun "futuro en liberdade" e digno para a mocidade do país.

Na véspera do Día da Patria e por vez primeira na historia, as organizacións convocantes --que abranguen o nacionalismo xuvenil-- chaman á mocidade consciente "a erguer a súa voz" nun "único, ilusionante e forte berro" a prol dunha "Galiza libre, con persoas libres", unha nación "moza e viva, rebelde, solidaria e internacionalista", afirman no manifesto publicado con motivo da manifestación. 

No texto que acompaña a convocatoria, @s moz@s galeg@s chaman a reaxir perante unha "Galiza submetida, empobrecida e desmantelada" que está a ser golpeada, din, por un "Estado español que nega día a día" a súa capacidade para decidir.

Anova-Mocidade descólgase da convocatoria unitaria co argumento de a Coordinadora Nacional da forza de Beiras visar un Dia da Patria da cidadanía

Neste senso, amósanse "conscientes" das graves consecuencias que para a mocidade deste país teñen as políticas neoliberais practicadas polos gobernos español e galego; mais tamén por un "sistema criminal", din, que "se lucra da explotación da maioría social" e aboca "á emigración a milleiros de mozas galegas e galegos" ou a viver "unha vida de miseria no noso país". 

Aliás, critican con dureza os ataques á lingua e cultura galegas perpetrados desde a Xunta e Madrid a través das reformas lexislativas como a LOMCE. Mais tamén denuncian a involución sufrida nos dereitos das mulleres coa anunciada re-penalización do aborto.

Fronte a esta realidade en que lles é negado, aseguran desde as organizacións convocantes, o "dereito á vida digna" e na terra; Galiza Nova, Briga, AMI, Agir, Adiante, Comités, Liga e Isca! chaman a denunciar nas rúas o vindeiro 24 de xullo "o futuro de miseria que o Estado español, o Patriarcado e o Capital teñen planificado" para a mocidade da Galiza e a "erguer a voz" a prol dunha República Galega. 

Comentarios