Apoio social á insubmisión diante dos recortes de dereitos do PP

A maioría social que está a padecer os recortes en dereitos sociais, laborais e económicas por parte do goberno do PP apoia a rebelión de entidades municipais e colectivos encamiñados a lle faceren fronte. A boa recepción da decisión dos concellos gobernados polo BNG de non eliminar a paga extra de Nadal ou, noutra orde de cousas, a medida dos libreiros de non aplicar o IVE do material escolar até despois do inicio do curso son dous exemplos que o demostran.
photo_camera Sandra González, alcaldesa de Tomiño

Os Concellos de Riotorto e Tomiño son os primeiros nos que se debateu e aprobou a moción que recolle a decisión de aboar a paga extra de Nadal aos traballadores municipais. Á volta das vacacións de verán a iniciativa será abordada noutros concellos gobernados pola organización nacionalista. O BNG valorou de forma moi positiva a acollida desta decisión política, aprobada nos concellos nos que goberna e defendida tamén nos plenos municipais nos que está na oposición. 

“O BNG plántase fronte a unha política desastrosa do Goberno que cos seus recortes nos está levando a máis crise, máis paro e máis recesión”, sinalou o responsábel de Iniciativas Municipais na executiva do BNG, Felix Juncal, ao tempo alcalde de Bueu, quen fixo fincapé no “apoio social” recibido pola iniciativa.
A valoración que o BNG fai da supresión da paga extra de Nadal non é só polos prexuízos causados ao 22 por cento dos asalariados na Galiza -201.000 empregados públicos- senón polo impacto económico que supón debido á redución do consumo. Destacan, tamén, na organización nacionalista que o persoal que se está a ver afectado pola eliminación da extra é na súa maior parte o que se encarga de servizos sociais básicos de maneira que “é inxusto que cando están a facer un esforzo suplementario para manter os servizos con menos recursos tamén se lles penalice quitándolle unha paga extra” engade Féliz Jucal
Pequeno comercio

Bota a vista tamén o BNG no impacto que tanto a rebaixa salarial como a supresión das extras tería no pequeno comercio, acosado xa pola liberalización comercial aprobada polo goberno do PP. O responsábel de política municipal sinalou que medidas como estas agravan unha situación como a que está vivindo un sector que viu como no que vai de ano se pecharon 6.000 estabelecementos.

Tamén a decisión aprobada pola directiva da Federación de Libreiros de Galiza, e asumida pola maior parte dos seus socios, de non aplicaren a subida do IVE no material escolar até pasado o inicio do curso contou co apoio de pais e nais que se enfrontan a un setembro aínda máis duro que o dos anos anteriores.

Comentarios