Masiva manifestación en Vigo para exixir un 'Hospital Público 100%'

Máis de vinte mil persoas protestaron contra os recortes convocad@s polo Xunta de Persoal do Chuvi e a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Vigo.
Manifestación pola Sanidade Pública en Vigo

Co obxectivo de "parar as políticas de recortes e o modelo privatizador do PP”, milleiros de persoas entre persoal da sanidade pública e usuari@s, percorreron as rúas do centro da cidade de Vigo o pasado 14 de marzo. A marcha saiu ás 20 h. da Praza dos Cabalos ás 20 horas con presenza, tamén, de colectivos de Baixo Miño, Cangas, Moaña, Redondela, Nigrán, Val Miñor e Baiona.

Protestaban polos malos datos achegados pola Xunta de Persoal que sinalan que as listas de espera triplican os datos oficiais: o Sergas recoñece tan só 6.061 pacientes á espera de seren operados, mentres que os profesionais sosteñen que en realidade son 19.000. Segundo fontes da mesma Consellaría de Sanidade, 5.177 persoas agardan ser intervidas en Povisa e máis de 25.000 atópanse na listaxe de agarda, unha cantidade que desde a Plataforma consideran “inasumíbel” e “escandalosa”.

A voz d@s manifestantes foi a da actriz galega Uxía Blanco que denunciou que "coa saúde non se experimenta; coa saúde non se xoga, porque a atención á saúde é un dereito e non permitiremos que remate sendo unha mercadoría, un negocio a conta dos nosos impostos".A marcha tamén reuniu a numerosos colectivos de afectad@s polas preferentes, ás plataformas contra os desafiuzamentos e ao Consello Municipal da Muller, entre outr@s.

Comentarios