MÁIS DE 350.000 PERSOAS SAEN Á RÚA NA DEFENSA DOS DEREITOS SOCIAIS

Histórica resposta contra os recortes


Xornada histórica na que a convocatoria sindical unitaria mobilizou en once cidades e vilas da Galiza a ducias de milleiros de persoas contras os recortes do goberno de Rajoy
Manifestación contra os recortes o 19 de xullo en Compostela
photo_camera Manifestación contra os recortes o 19 de xullo en Compostela

No día en que o PP aprobaba en solitario no Congreso español o feixe de recortes decidido no Consello de Ministros da pasada sexta, milleiros e milleiros de persoas participaban nas mobilizacións convocadas en 11 cidades e vilas da Galiza por CIG, CCOO e UGT. A unidade de acción sindical logrou mobilizar unha verdadeira maré de xente que mediante faixas, consignas, cazoladas ou redes sociais amosaba o seu rexeitamento e indignación a uns recortes que supoñen "o saqueo do pobo".

Había unha coincidencia xeralizada en todas as manifestacións: Había tempo, moito tempo, que non se vía algo igual. En Vigo, a mobiliziación apenas podía avanzar debido á confluencia de ducias de milleiros de persoas. En Compostela, cando a cabeza da marcha entraba na zona vella, a cola aínda non saira da Alameda. E na Coruña, miles e miles de persoas ateigaban as amplas avenidas. E igual no resto de lugares onde había convocadas mobilizacións.

Abonda xa!

O país converteuse nunha maré contra os recortes e o saqueo do pobo. As cifras indican até que punto a cidadanía galega está indignada co goberno: Máis de 130.000 persoas en Vigo, 40.000 en Compostela, 25.000 en Pontevedra e tamén 25.000 en Ourense; 55.000 en Ferrol, 80.000 na Coruña, 10.000 en Vilagarcía e outras tantas en Lugo, 2.000 en Burela e 200 en Ortegal. Foi unha verdadeira maré de galegos e galegas os que decidiron espetar un rotundo abonda xa! a Rajoy, a Feijóo e ás políticas do PP na Galiza e no estado español.

O pobo falou e dixo NON ás políticas neoliberais dos gobernos español e galego. Un exemplo de dignidade, que non será o derradeiro. 

 Manifestación na Coruña 

Manifestación Santiago de Compostela 

Comentarios