Unha simulación electoral de El País dálle ao BNG grupo parlamentar en Madrid

O BNG tería grupo parlamentar en Madrid, pasando de 2 a 5 escanos, de se celebraren eleccións xerais. Os datos forman parte do estudo de Metroscopia que hoxe publica o diario El Pais. 

Cando a lexislatura está a atravesar o seu ecuador, o estudo de Metroscopia para El País debuxaría un mapa cun descenso en escanos significativos do PP e o PSOE e unha importante subida de IU, UpyD e de ERC e o BNG, que pasaría a ter grupo parlamentar. 

O BNG pasaría a ter 5 deputad@s, tres máis dos que agora ten mentres ERC triplicaría a súa presenza nas cortes xerais, pasando de 3 a 9 escanos. Pola contra, a CIU, o estudo déixao tan só con 10 nomes no Congreso, seis menos dos que agora ten. 

O estudo publicado por El Pais fala dunha debilitación do bipartidismo ao se dar un descenso de 47 deputados para o PP -que quedaría con 139- e vinte para o PSOE, que chegaría a un mínimo histórico con 90 escanos. Beneficiarios desta caída resultarían IU-LV que aumentaría en 37 actas pasando a contar cun grupo de 48 e UpyD de Rosa Díaz, cunha espectacular subida que a situaría como cuarta forza con 30 asentos no Parlamento fronte aos 5 que ten na actualidade. 

 O estudo baséase en sondeos de opinión desenvolvidos por Metroscopia nos últimos cinco meses cun total de 14.000 entrevistas. Desde o xornal destacan que se trata só “dun xogo de simulación” que quere expresar en números o ambiente político actual. 


Malia o xogo de simulación, El País fala de desgaste do PP e PSOE debido á crise económica e augura pactos electorais “con partidos nacionais”. Sitúa UpyD e IU como “chave para calquera combinación parlamentar”. 

Comentarios