26 persoas asasinadas nas explosións de buscas e 'walkie-talkie' no Líbano

O Mossad israelí instalou até 3 gramos de explosivos en milleiros de buscas. 
Enterro a cuarta feira dunha das vítimas no ataque israelí aos buscas no Líbano. (Foto: Marwan Naamani / DPA vía Europa Press)
photo_camera Enterro a cuarta feira dunha das vítimas no ataque israelí aos buscas no Líbano. (Foto: Marwan Naamani / DPA vía Europa Press)

Como mínimo 14 persoas morreron e 450 ficaron feridas na vaga de explosións da cuarta feira de ‘walkie-talkie’ no Líbano, informou o Ministerio de Saúde libanés. Ademais destes aparellos, usados por militantes de Hezbolá, tamén houbo reportes de detonacións en sistemas de paneis solares, teléfonos e ordenadores portátiles.

Unha das explosións produciuse durante o funeral dunha vítima do atentado israelí da terza feira, facendo estalar os explosivos instalados en milleiros de buscas usados por Hezbolá no Líbano e en Siria.

A última actualización de vítimas dese ataque elevou a 12 as persoas asasinadas no Líbano, entre elas dúas crianzas, unha de nove e outra de 11 anos, e catro traballadores sanitarios, indicou o Goberno. Ao tempo, en Siria, a canle Al Hadath, citada por medios israelís, publicou que morreron 19 militares iranianos, o que negou Tehran.

Arredor do primeiro ataque, o ministro de Saúde do Líbano, Firass Abiad, informou de que entre 2.750 e 2.800 persoas resultaron feridas, e como mínimo 300 delas estaban en estado crítico. Ademais, detallou que foron desprazadas 1.084 ambulancias que levaron as persoas feridas a un centenar de hospitais. Irán, Xordania e o Iraq xa enviaron axuda para enfrontar a situación, subliñou.

Abiad fixo énfase en que moitas das persoas que levaban os aparellos son civís, asegurando que a agresión amosa que Israel “estase a afastar dunha solución diplomática”. “Temos que estar preparados e alerta”, remarcou.

Un dos feridos no Líbano foi o embaixador de Irán, Mojtaba Amani, que segundo a prensa estadounidense quedou gravemente ferido e perdeu un ollo. Non obstante, a embaixada trasladou que os “rumores” sobre a súa “condición física e visión son falsos”, comunicando que “está a progresar ben”. Amais, Hezbolá transmitiu que 12 militantes morreron a terza feira, mais sen precisar cantos no ataque aos buscas e cantos nos bombardeos israelís.

Un funcionario dos Estados Unidos trasladou á axencia AP que o réxime israelí informou Washington despois do ataque aos buscas, mais o Executivo de ultradereita sionista non confirmou a autoría.

Após as especulacións das primeiras horas sobre o acontecido, a axencia Reuters difundiu que hai meses a axencia de espionaxe israelí, o Mossad, colocou explosivos dentro de milleiros de buscas. Un alto cargo da seguridade libanesa indicou que Hezbolá encargou 5.000 á empresa taiwanesa Gold Apollo, que outras fontes ratificaron que chegaron a comezos de ano.

O funcionario libanés aseverou que os buscas foron modificados por Israel “a nivel de produción”, ao introducir “unha placa dentro do dispositivo que ten material explosivo e recibe un código”, o que é “moi difícil” de detectar. Ao recibir unha mensaxe codificada arredor de 3.000 estouparon, pormenorizou. Unha fonte diferente afirmou á axencia que até tres gramos de explosivos foran agochados en cada busca.

De Taiwán a Hungría

Nun comunicado de prensa Gold Apollo reiterou que teñen un acordo de cooperación con BAC Consulting KFT, con sede en Budapest, a capital húngara, que esta autorizada “a utilizar a nosa marca para a venda de produtos en rexións designadas, pero o deseño e a fabricación dos produtos son responsabilidade exclusiva de BAC”. Hsu Ching-kuang, presidente de Gold Apollo, non amosou nunha conferencia de prensa probas da colaboración con BAC e incidiu en que os pagos chegaran a través de Oriente Medio.

Os medios internacionais que se dirixiron á sede de BAC atoparon o nome da compañía escrito nunha folla de papel no exterior dun edificio nunha rúa principalmente residencial da periferia de Budapest, e unha persoa no edificio indicou que a empresa non ten ningunha clase de actividade física no lugar.

BAC foi fundada en 2022 e a súa directora xeral é Cristiana Bársony-Arcidiacono, quen defendeu que só son intermediarios. Nas súas redes sociais a sociedade non fai ningunha alusión á fabricación de produtos, e sostén que “anima proxectos medioambientais, políticos e de desenvolvemento”.

O portal Axios revela que a Intelixencia israelí quería usar as explosión dos buscas como o primeiro paso dunha guerra contra o Líbano, porén, as sospeitas dentro de Hezbolá sobre os aparatos desencadearon o ataque, publicou o medio Al-Monitor.

Esta semana o Goberno israelí incluíu entre os obxectivos da agresión militar a Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) consideran un xenocidio e unha limpeza étnica, “o regreso seguro dos habitantes do norte aos seus fogares”, após ser evacuados polos intercambios de disparos con Hezbolá, que saíu en outubro en defensa da poboación da Faixa.

Con anterioridade, o analista político libanés Jamal Ghosn definira como “un importante golpe de Intelixencia” de Israel o ataque, mais advertiu que o momento elixido apunta a que “é unha medida desesperada”, posto que sería unha arma “moito máis poderosa” nunha “etapa posterior”.

Tanto o Líbano como Siria e Hezbolá acusaron Israel do atentado, e esta última advertiu que terá “un duro castigo” e “unha rendición de contas específica”, asegurando que continuará a apoiar a “resistencia de Gaza e o seu pobo”.

Mentres, Irán cualificouno como “un acto terrorista e un asasinato en masa” e Rusia insistiu en que busca “provocar unha guerra importante” en Asia Occidental por medio dun “acto de guerra híbrida”. Asemade, a Unión Europea indicou que “aumenta o risco de escalada” e Bélxica sinalou que se tratou dun “ataque terrorista”.

A Intelixencia israelí era consciente da alta posibilidade de represalias

Medios estadounidenses explicaron que antes do ataque a Intelixencia israelí analizara que “probabelmente” habería represalias por parte de Hezbolá, afirmando que buscaban socavar a confianza no seo da organización libanesa e aparentar que está completamente infiltrada por Israel, e un funcionario sionista admitiu que é posíbel que xere unha escalada importante. A quinta feira o líder de Hezbolá, Hasan Nasralla, emitirá unha mensaxe ao respecto, e o Exército sionista xa enviou unha división á fronteira.

Pola súa parte, o alto comisionado da ONU para os dereitos humanos, Volker Türk, debullou que “os ataques simultáneos contra milleiros de persoas” sen saber “quen estaba en posesión dos dispositivos” violan o dereito internacional.

O uso destes aparellos por parte de Hezbolá responde á dificultade de ser interceptadas as comunicacións ao usar radiofrecuencias, polo que tamén é utilizado en contornas médicas ante a posibilidade dun erro no resto de vías de comunicación. O seu uso está moi estendido na organización, na que Nasralla advertira este ano da necesidade de evitar o uso dos teléfonos móbiles, alertando de que Israel pode usalos para atacalos.

Á vez, a Asemblea Xeral da ONU aprobou a cuarta feira unha resolución proposta por Palestina que exixe a Israel que acabe coa súa presenza “ilegal nos territorios palestinos ocupados”, despois de que o Tribunal Internacional de Xustiza sentenciara que a ocupación israelí “viola as leis internacionais” e “equivale a unha anexión permanente que impide a autodeterminacións dos palestinos”.

Comentarios