Tres céntricos barrios de Hamburgo van camiño de cumprir unha semana baixo ‘estado de excepción’. Isto é, con limitación e restrición de dereitos fundamentais, cunha Policía imbuída de poderes excepcionais (mesmo deter a persoas sen sospeita concreta) e co goberno social-demócrata a impulsar unha campaña contra o que cualifica de ‘extrema-esquerda’. Altona, St Pauli e Sternschanze están as 24 horas do día tomados por centos de anti-disturbios procedentes de diferentes puntos de Alemaña.
Avogados e activistas dos Dereitos Humanos alertan do que está a acontecer na cidade hanseática, a segunda máis poboada de Alemaña. “En 24 horas, os axentes expulsaron deses barrios a perto de 70 persoas, sen argumentación nin xustificación algunha”, indica Pit Ziel, con anos de traballo no eido dos dereitos sociais.
“En 24 horas a Policía expulsou deses barrios a 70 persoas, sen dar xustificación algunha”
O intento de despexo de Rote Flora, un centro social e cultura con 24 anos de compromiso e traballo de base ás costas, derivou en protestos e manifestacións masivas de milleiros de persoas e tamén nun regueiro de enfrontamentos entre Policía e encarapuchados que deixaron centos de feridos. O gobernate SPD decideu optar pola man dura e decretar o ‘danger zone’ nos citados barrios, unha medida criticada non só pola esquerda (Die Linke) e Os Verdes, senón tamén polos liberais (FDP).
Desde entón, medidas cercanas o toque de queda (concello e medios piden os cidadáns que non saian de casa alén das oito da tarde), suspensión de dereitos de reunión e manifestación, cacheos e identificacións arbitrarias, detencións....
Andreas Weck, avogado, reflexiona nas páxinas do diario Die Zeit: “a chamada presunción de inocencia xa non existe para os cidadáns.
Isto significa que os policías poden levar presos e necerrar sen sospeita razoable e sen acreditar razón aparente a cidadáns por, simplemente, ter unha aparencia rara”.
“Os policías poden pasar por riba dos nosos dereitos constitucionais fundamentais, sen medo de que se lles pare os pés”
Máis concretamente , prosegue Weck, “isto significa que os policías poden pasar por riba dos nosos dereitos constitucionais fundamentais, sen medo de que se lles pare os pés. É a suspensión do Estado de Dereito, ata novo aviso”.
Nesta mesma liña, activistas de base reflexionan: “Nos últimos anos, a visión cambiou na política e amplos sectores da sociedade aceptan que os dereitos civís deben pasar a un segundo plano na loita contra o crime”. “A paranoia desatada polo 11 de setembro en EUA está agora na nosa porta”