Bosnia estoupa contra a miseria e o esquecemento

Unha revolta en Tuzla de traballador@s de empresas estatais privatizadas deveu en revoltas populares nunha trintena de cidades e vilas deste pequeno país dos Balcáns. O paro, a corrupción, a pobreza e a falta de esperanza avivan uns protestos que, tamén, teñen un reverso máis escuro.

Bosnia-Anti-Government-Protests

Son as revoltas máis crúas, e tamén máis violentas, desde que a mediados dos 90 finalizase a guerra que deixara máis de 200.000 mortos neste pequeno país. É o dato co que comezan as crónicas estes días todos os medios para enmarcar o estoupido social que nesta semana percorreu cidades e vilas bosnias. Apúntase ao paro como un combustíbel da revolta e arguméntase que o desemprego está por riba do 40% (os dados, en realidade, sinalan un 25%, menos que no Estado español) e á canseira e fastío por dúas décadas de divisións étnicas. Mais a revolta comezou en Tuzla entre traballadores despedidos de empresas públicas privatizadas. E de aí foi saltando: Mostar, Bihac, Zenica...até Saraxevo. Mesmo na capital da 'zona serbia de Bosnia, Banja Luka, houbo mobilizacións.

Desempregad@s, moz@s, traballador@s precari@s... nutren os protestos. Tamén a pequena mais revoltosa escena bosnia da autonomía libertaria e antifascista. Mais tamén hai movementos da dereita dura.

“Dúas décadas após o cerco a Saraxevo, Bosnia saíu do radar internacional e o seu pobo séntese esquecido non só polo mundo, senón polo seu propio goberno”, afirmou o correspondente da BBC nos Balcáns, Guy De Launey. Este xornalista afirmou que a exasperación provocada “por anos de inercia e incompetencia en Bosnia están na raíz dos protestos”.

En tres días de mobilizacións houbo centos de ferid@s nos enfrontamentos entre manifestantes e forzas de seguridade. O nivel de confrontación chegou a un nível no que se queimaron edificios oficiais en Saraxevo.

"As autoridades non fixeron máis que alimentar a ira e a raiba contra elas"

“O pobo protesta porque está con fame, porque non hai emprego. Nós exiximos a renuncia do goberno”, di o traballador da construción Nihad Karac á axencia AFP. É unha voz. Como moit@s bosni@s citados polos medios, concordan en sinalar o paro, a corrupción e a incompetencia do goberno como orixe dos protestos.

Que piden?

En Tuzla, a cidade onde xurdiron as revoltas, presentouse un manifesto de seis puntos por parte dos e das manifestantes. Atribúen o “aumento da ira e a raiba” ao comportamento das autoridades. Queren demisións e falan dunha “verdadeira revolución política”. Mais a súa proposta é que haxa un goberno de tecnócratas que dirixa o cantón de Tuzla até a convocatoria de eleccións. “Que sexan persoas non comprometidas en política”, piden.

É a economía

O representante da comunidade internacional en Bosnia-Herzegovina, o austríaco Valetin Inzko, negou calquera tipo de motivación étnica ou relixiosa nos protestos e afirmou que a contestación ten orixe na situación precaria que cada vez mais cidadáns viven e na desigualdade, que é cada vez máis acentuada, coa maioría da poboación a atravesar dificultades para sobrevivir e un pequeno grupo a acumular fortunas cada vez maiores.

Inzko explicou que neste pequeno país das Balcáns, “e debido á división de poderes entre bosnios-croatas, bosnios musulmanos e serbios", hai 150 ministros e 14 xefes de goberno.

 


 

Comentarios