Campaña de desobediencia civil en Gales para obrigar o goberno a se implicar co idioma propio do país

A principal organización en defensa do galés, Cymdeithas, anuncia 'accións directas' para 'presionar' o executivo rexional a que desenvolva políticas activas a prol da lingua de Cymru.

cymru

Cymdeithas yr Iaith Gymraeg anuncia unha campaña de desobediencia civil en defensa do galés, segundo Nationalia. A que é a principal organización en defensa deste idioma, e cunha traxectoria de 'accións directas non violentas', decidiu esta fin de semana que era mester impulsar unha dinámica de mobilización e presión cidadá para que o executivo galés tome nota e se decida, apunta, a actuar en prol do galés.

Se ben o goberno vén de presentar unha serie de medidas e actuacións de promoción do gales, Cymdeithas valóraas como insuficientes e exixe un maior compromiso en eidos como a educación, a sanidade ou o mercado laboral. Lembran, neste sentido, que hai seis meses remitiron ao goberno unha serie de achegas e propostas no eido da normalización lingüística, sen que as mesmas, consideran, fosen tidas en conta.

Paso adiante

A decisión prodúcese poucos días despois de que o Comité de ministros do Consello de Europa recomendaba ás autoridades de Reino Unido que adoptasen máis medidas de apoio a idiomas coma o galés, o gaélico escocés, o gaélico irlandés.

Cymdeithas yr Iaith Gymraeg ten as súas orixes a principios dos anos 60. Desde entón ten protagonizado un bo feixe de campañas, accións e actuacións de diferente tipo en defensa do idioma. Desde ocupacións de emisoras da radio que se negaban a retransmitir en galés até estudios e informes para o desenvolvemento social da lingua.

Das nacións da illa baixo soberanía británica Gales (Cymru, en galés) é na que o idioma propio é máis falado. Desdee logo, moito máis que o gaélico-irlandés en Irlanda do Norte e o gaélico.escocés en Escocia. O estudo de uso da lingua galesa (Cymraeg) de 2004 indica que o 21.7% da poboación de Cymru é falante de galés. O censo de 2001 tamén mostra que sobre o 25% dos residentes en Cymru naceran fóra deste país.

Comentarios