Cimeira BNG-ERC en Barcelona para analisar a situación política a un mes do referendo

Soberanistas galegos e cataláns avaliaron o cenario político no Estado e nas respectivas nacións a apenas 30 días para se realizar o referendo de autodeterminación en Catalunya. Ana Pontón encabezou a delegación do BNG, mentres que por ERC ese rol asumiuno a secretaria xeral, Marta Rovira, sendo que o presidente do partido, Oriol Junqueras, está absolutamente envorcado nos labores institucionais como vicepresidente do Govern e na preparación da consulta.

Reunión BNG-Esquerra Republicana (2) (1)
photo_camera Un momento da cimeira

O BNG tomou esta quinta feira a temperatura do procés a apenas un mes do referendo e na casa dunha forza política, ERC, chamada a liderar, se acreditarmos nos oráculos demoscópicos, o futuro de Catalunya.

BNG e ERC intertrocaron pontos de vista sobre a actualidade política de cada unha das dúas nacións e, máis en concreto, a formación soberanista galega recebeu información sobre os preparativos do referendo.

Ambas forzas son plenamente conscientes, segundo soubo Sermos, da treboada autoritaria que o Estado prepara coas súas ferramentas institucionais -a comezar polo Tribunal Constitucional- para tentar facer descarrilar o referendo axendado para o 1-O. "Están persuadidos [por ERC] que o referendo se realizará porque existe un amplo apoio social e pola determinación do Govern en facelo aínda asumindo serios riscos políticos e até xurídicos", dixeron a Sermos fontes do BNG nas horas previas a se realizar esta cimeira.

Por parte do BNG compuñan a delegación a súa portavoz nacional, Ana Pontón; a coordenadora de Relacións Exteriores e portavoz perante o Europarlamento, Ana Miranda; e o responsábel de Relacións coa Península, Rubén Cela, en tanto que a representación de ERC asumírona a súa secretaria xeral, Marta Rovira, e o vicesecretario de Acción Política da formación, Eduard López.

Segundo informa o Bloque a meio dun comunicado, na reunión Marta Rovira trasladou á delegación galega que o referendo se irá realizar con todas as garantías democráticas e a "máxima seguridade xurídica". Por súa parte, Ana Pontón transmitiu a ERC o firme compromiso do nacionalismo galego co direito de autodeterminación dos pobos, a comezar polas nacións sen Estado.

Á conclusión da cimeira, a delegación do BNG deslocouse ás Ramblas para alí faceren unha oferenda floral en memoria das vítimas dos atentados de Barcelona e Cambrils. A axenda desta quinta feira incluía tamén un acto vespertino sobre a emigración galega en Catalunya. O evento vai ter lugar a partir das 19 horas, no Gaelic Barc (na rúa do Paradís, 4, moi pertiño da Praza de San Jaume), e nel tomarán parte, para alén de Ana Pontón, María Xesús Lama, leitora de galego na Universitat de Barcelona; Gabriel Cebeiro, do Ateneu Aquén Nos de Girona; e Anxo Baranga, activista cultural galego.

Comentarios