Un compromisario republicano anuncia que non votará Trump como presidente

“A elección presidencial non está concluída”, afirmou esta segunda feira Christopher Suprun, compromisario republicano do Estado de Texas. Nos EUA é un colexio eleitoral, e non a cidadanía directamente, o que elexe a persoa que ocupa a presidencia.

cristopher

Neste momento, en que se están a recontar votos en Michigan e Wisconsin por petición da candidata verde Jill Stein, Donald Trump dispón dunha sólida maioría absoluta no colexio eleitoral: 306 compromisarias e compromisarios republicanos face 232 delegas e delegados demócratas.

Mais ser republicano non é sinónimo de ser partidario de Trump. Nomeadamente no Estado de Texas. Art Sisneros, compromisario eleito nese Estado, foi o primeiro en erguer a voz contra a elección do magnate como presidente. Demitiu do seu cargo porque, segundo dixo, nen podía votar Trump (por motivos de conciencia) nen podía incumprir a promesa que fixera de apoiar no colexio eleitoral o candidato do seu partido.

Agora Christopher Suprun vai alén de Sisneros e anuncia que si votará, o que ocorre é que non votará Trump. Significa isto que o seu voto irá para Clinton? Pois tampouco. A súa aposta será o gobernador de Ohio, John Kasich, un republicano moderado que nalgún momento tamén aspirou a ser candidato.

Suprun, membro do corpo de bombeiros que en 2011 prestou servizos nas torres xémeas de Nova Iorque durante o 11S e actualmente profisional da medicina alternativa, afirma que non votará Trump porque non o considera cualificado para ocupar o cargo.

Hai distintas interpretacións sobre se realmente os membros do Colexio Eleitoral teñen liberdade de voto

Isto é interesante, porque o que indica é que os compromisarios son libres de votar a quen lles pareza ben como presidente e que non estarían atados a ningunha sorte de mandato imperativo. Esta cuestión, porén, está lonxe de ser pacífica do ponto de vista xurídico e hai distintas interpretacións sobre se realmente as e os compromisarios teñen liberdade de voto.

En todo caso, non parece que Suprun vaia liderar ningunha rebelión nas bancadas republicanas do Colexio Eleitoral. Trump dispón dun sólido colchón. Ora, se o exemplo cundise e outros 36 delegadas e delegados emulasen o compromisario de Texas, abriríase unha crise institucional sen precedentes nos EUA. Se ningún candidato alcanza os 270 votos do Colexio Eleitoral, a decisión sobre quen pasaría a ser presidente a tomaría a Cámara de Representantes, un órgao con maioría republicana.

O día en que o Colexio Eleitoral se reunirá para nomear presidente é o 17 de decembro.

Mentres tanto, unha campaña en Change.Org reuniu xa 4,5 millóns de asinaturas para demandar o Colexio Eleitoral que nomee presidenta a Hillary Clinton, co argumento de que gañou no voto popular (obtivo 2,5 millóns de votos máis que Trump no conxunto dos EUA). Nunca unha petición destas características alcanzou tanto apoio cidadán como esta.

Comentarios