As vítimas do ataque contra seguidor@s de Morsi ascenden --segundo o Ministerio de sanidade exipcio-- a máis de 600. O toque de queda e o Estado de emerxencia poderían prolongarse até un mes mentres a tensión entre defensor@s e detractor@s do derrocado presidente Morsi aumenta.
O goberno golpista autorizou ao exército a empregar munición real contra @s manifestantes
Desde o goberno golpista advirten que o exército empregará munición real contra @s manifestantes á fin de combateren, aseguraron, os "ataques terroristas da Irmandade Musulmá contra as institucións públicas". Pola súa banda, a organización liderada por Morsi convocou unha marcha popular contra o golpe de Estado no que denominan a "xornada da ira".
Un mes sob Estado de emerxencia
Así o anunciou o presidente golpista Adly Mansour a través dun comunicado feito público pola televisión pública do país. O seu goberno manterá este réxime de excepción cando menos 30 días máis en aras, dixo, de manter "a seguridade e a orde" nos territorios do país e perante o "perigo" que representa a escalada de violencia vivida nos últimos días.
Mantense o Estado de emerxencia e o toque de queda
Aliás, Masour ordenou ás forzas armadas exipcias empregaren as "medidas necesarias" para combater o que denominou como "ataques terroristas da Irmandade Musulmá". Neste senso, o executivo autorizou aos militares a empregaren munición real contra @s manifestantes.
A "xornada da ira"
A negativa do goberno golpista a liberar ao presidente Morsi --líder da Irmandade Musulmá-- está a provocar unha forte tensión entre @s partidari@s do islamista. Segundo fontes oficiais Morsi --que permanece retido desde o golpe de estado-- continuará detido cando menos "15 días máis". Desde a organización islámica aseguran que manterán a presión contra o Goberno nas rúas e veñen de convocar unha manifestación para esta sexta feira.
Unha manifestación que se prevé multitudinaria clamará contra o golpe de Estado na "xornada da ira"
A mobilización partirá de 7 mezquitas para se reuniren na praza Ramsés. No entanto, o exército exipcio bloqueou os accesos á praza Tahir (situada perto do remate da manifestación). Arames, soldados e tanques armados impiden á poboación entrar na simbólica praza, emprazamento das multitudinarias manifestacións populares contra Mubaraq.