Hunter Biden, culpábel de tres delitos por compra e posesión ilegal dunha arma de fogo

É a primeira vez na historia dos Estados Unidos que se xulga e condena un familiar directo dun presidente en exercicio.
O fillo de Joe Biden, Hunter, chegando aos xulgados de Wilmington esta segunda feira. (Foto: David Muse / Zuma Press / ContactoPhoto vía Europa Press)
photo_camera O fillo de Joe Biden, Hunter, chegando aos xulgados de Wilmington esta segunda feira. (Foto: David Muse / Zuma Press / ContactoPhoto vía Europa Press)

Un xurado popular do Estado estadounidense de Delaware acordou a terza feira por unanimidade declarar o fillo do presidente Joe Biden, Hunter Biden, como culpábel por tres cargos de compra e posesión ilegal dunha pistola, que poden supor até 25 anos de prisión.

Será a xuíza Maryellen Noreika a que determinará a canto ascende a sentenza nunha audiencia para a que aínda non foi fixada data.

Hunter é o primeiro fillo dun presidente xulgado e condenado. Os tres cargos refírense á compra da arma de fogo por parte de Hunter en 2018, un por declaración falsa ao comprar a pistola, mentindo ao vendedor, outro por asegurar nun documento para acceder a ela que non consumía drogas, algo falso, e o último por ter ilegalmente a arma 11 días, até que unha familiar a tirou nun contedor. O mandatario remarcou que “respectará o proceso xudicial”.

En setembro, apenas dous meses antes das eleccións presidenciais nas que Biden busca a reelección, está programado outro xuízo contra Hunter por non pagar 1,3 millóns de euros en impostos.

Comentarios