Nepal espertou este sábado cun forte terremoto, de 7,9 graos de magnitude na escala de Richter. O sismo deixou centos de persoas mortas e feridas e rexistrou até doce réplicas, provocando a caída de numerosos edificios e importantes danos na capital Katmandú e no noroeste do país, epicentro do tremor de terra.
Segundo datos do ministro de Interior nepalí, a cifra de vítimas mortais superaría as 800 persoas, entre as que habería numerosas menores. Por centos cóntanse tamén o número de feridas, que colapsan nestes momentos o principal hospital de Nepal, apuntan fontes de Reuters. Milleiros de habitantes botáronse á rúa presas do pánico.
Terrible #earthquake in #Nepal. Many killed. Roads are blocked already pic.twitter.com/YymqzltfpB
— Anurag saxena (@saaxenanurag) 25 abril 2015
O sismo derrubou decenas de construcións e vivendas, con especial incidencia na capital, e abriu fendas no pavimento. Edificios como a Torre Bhimsen (na imaxe da dereita), un emblemático monumento do século XIX reconstruído por mor doutro terremoto, ou a céntrica Praza Durbar, están “nun estado irrecoñecible”, apuntan fontes da axencia internacional.
O tremor provocou tamén fortes avalanchas no monte Everest, sepultando campamentos e deixando polo momento oito montañeiros e montañeiras mortas e decenas de feridas. Segundo dous alpinistas españois presentes na zona, que resultaron ilesos, a situación é de “caos” polas dificultades para acceder á zona montañosa.
En países veciños como India e Paquistán, o terremoto e as conseguintes réplicas sentíronse con virulencia, informan medios locais.