O Estado recrúa a súa ofensiva

A Garda Civil entra en catro consellarías do Govern e detén 14 persoas

O Congreso negou esta terza feira o seu aval á política represiva do Goberno Rajoy -ao rexeitar unha iniciativa de Cs- mais esta cuarta os aparatos do Estado agravaron a escalada de tensión ao producirse a entrada de efectivos da Garda Civil nas dependencias de catro consellarías do Govern. O corpo militar detivo doce persoas, entre elas varios altos cargos, como o secretario xeral de Vicepresidencia e Economia. Miles de persoas protestan no centro de Barcelona contra a operación.

@iontelleria catalunya
photo_camera @iontelleria

Non hai tregua na batalla de Catalunya, o conflito político que enfronta o pobo catalán e o Estado español. Esta cuarta feira, efectivos da Garda Civil entraron nas dependencias das consellarías de Economía, Gobernación, Traballo e Exteriores, isto é, os departamento chave na organización do referendo de 1 de Outubro, detendo 14 persoas, entre elas varios altos cargos. Axentes do Instituto Armado tamén procederon a deter o director de puntoCAT, Josep Masoliver.

Madrid mostra, mais unha vez, que a súa focaxe no tratamento da cuestión política catalá é puramente represiva, a utilizar os corpos de seguridade do Estado -neste caso, a Garda Civil, un instituto de natureza militar- contra os acordos democráticos adoptados polas institucións de autogoberno de Catalunya.

A intervención da Garda Civil non se limitou ás consellarías, senón que tamén se produciu na Axencia Tributaria de Catalunya, o que debuxa os perfís dunha macrooperación policial contra o Govern sen precedentes que visaría deixar a Generalitat sen capacidade material para organizar o referendo.

Carlos Puigdemont convocou unha reunión de urcxencia do Govern. Miles de persoas maniféstanse en diferentes puntos de Barcelona contra o operativo policial. Varias rúas cortadas. Intersindical, e CCOO e UGT de Catalunya criticaron o operativo e reiteraron o seu compromiso co dereito a decidir.

Colexio de Avogados critica os “rexistros indiscriminados” e di que vulneran a lei

O Col·legi de l’Advocacia de Barcelona (ICAB) emitiu un comunicado esta cuarta feira na que “condena as entradas e rexistros indiscriminados e aleatorios que se están a realizar en Barcelona en diferentes despachos e domicilios particulares. Estes rexistros engádense aos que se están a producir en edificios públicos da Generalitat”.

O Colexio de Avogados asegura que os rexistros “vulneran de maneira flagrante a lei de enxuizamento criminal en todo o relativo ás condicións nas que se han realizar os rexistros de despachos profesionais”. Ademais, engaden, “viola "viola o dereito ao segredo profesional dos avogados, na medida en que se practican indiscriminadamente ". O ICAB tamén nos lembra que "o Estatuto da Defensa require que a dilixencia de entrada e rexistro se poña en coñecemento da decana do Colexio da Avogacía”.

Comentarios