Hamon gaña as primarias e pousa a mirada en ecoloxistas e sectores á esquerda do PS

O bretón impúxose folgadamente ao ex-primeiro ministro Manuel Valls, 58,6% fronte a 41,3%. “Esta noite, a esquerda levanta a cabeza”.

Hamon Francia PS

Benoît Hamon gañou folgadamente a segunda volta das primarias socialistas francesas e é o candidato do PS nas presidenciais francesas. Impúxose por unha ampla diferenza de máis de 17 puntos ao seu rival, o ex-primeiro ministro Manuel Valls, que asumiu a derrota. Parabenizou Hamon (“gañou claramente”) e chamou a se unir en torno á candidatura: “Non temos ningún rancor pola derrota”.

Hamon manifestou, unha vez coñecidos os resultados provisionais, que “esta noite, a esquerda levanta a cabeza” e xa mandou chiscadelas a ecoloxistas e a esquerda que está á esquerda do PS. O ex-ministro de Educación, de 49 anos de idade, quer chegar a unha segunda volta das presidencias, un escenario para o que enquisas e sondaxes até o de agora só vaticinan que chegarán o candidato da dereita e da extrema dereita.

O gañador das primarias do PS sitúase na esquerda do PS e encarna o sector crítico co goberno de Hollande. Defende a renda básica universal para os maiores de 18 anos e unha mensaxe moi crítica co que se deu en chamar ‘social-liberalismo’. Os medios franceses apontan a que el propio é consciente de que as súas oportunidades pasan por atraer votos da esquerda, de aí as chiscalas ao electorado dos Verdes (candidata, Y. Jadot) e de Francia Insubmisa (J.L. Mélenchon).

Na segunda volta das primarias do PS participaron por volta de 2 millóns de persoas, o que supón un incremento non pequeno en relación cos que tomaron parte na primeira, uns 1,6 millóns. Porén, estas cifras están moi lonxe da mobilización de votantes que supuxo as primarias da dereita, catro millóns de persoas. 

Comentarios