Hezbolá cualifica a sabotaxe israelí contra milleiros de aparatos electrónicos como unha declaración de guerra

Intercambio de ataques na fronteira libanesa
Ataque israelí ao Líbano. (Foto: Ali Hashisho / Europa Press / Contacto)
photo_camera Ataque israelí ao Líbano. (Foto: Ali Hashisho / Europa Press / Contacto)

O líder de Hezbolá, Hasan Nasrallah, proclamou a quinta feira que a sabotaxe israelí a aparellos electrónicos usados pola organización constitúe unha declaración de guerra por medio dun acto bélico. Ademais de prometer represalias contra os sionistas, recoñeceu que se tratou dun golpe “severo” e “sen precedentes”, mais que non danou a infraestrutura do grupo.

No outro lado, “Israel está listo para a guerra” co Líbano, subliñou o xeneral retirado israelí Amir Avivi á axencia AP, que, como múltiples medios internacionais, comezou a cuestionar se unha nova agresión militar sionista contra o Líbano é inminente. “Non se fai algo así, golpear milleiros de persoas, e se pensa que a guerra non se achega”, remarcou.

A comezos de semana Israel puxo a loita contra Hezbolá oficialmente entre os seus obxectivos do xenocidio na Faixa de Gaza, despois fixo estoupar milleiros de aparatos usados pola militancia de Hezbolá, como buscas ou ‘walkie-talkie’, mais tamén ordenadores portátiles ou sistemas de paneis solares.

Despois destes ataques, que segundo a última actualización do Ministerio de Saúde do Líbano matou 37 persoas, entre elas varias crianzas e traballadores sanitarios, e perante as agardadas represalias, Israel desprazou unha división, unha unidade militar que conta con entre 10.000 e 20.000 soldados, que estaba a operar en Gaza, á fronteira do Líbano.

Asemade, logo de que o Goberno de ultradereita israelí anunciara unha “nova fase” no tocante ao Líbano, foron atacados a quinta o que Israel considera “sitios de infraestrutura terrorista” e un depósito de armas no sur do Líbano. Á vez, Hezbolá matou dous soldados sionistas nun ataque na área fronteiriza.

Tamén hai reportes de medios israelís de que os plans para a ofensiva terían sido aprobados, e a quinta anunciaron a suposta desarticulación dun plan iraniano para asasinar altos cargos israelís.

Precisamente Irán informou a Organización das Nacións Unidas (ONU) de que se reserva o dereito a responder a Israel polo ataque ao seu embaixador no Líbano, ferido na sabotaxe dos buscas. Ao respecto, o xornal The New York Times desvelou que a empresa húngara á que foi subcontratada a produción dos buscas era unha tapadeira da Intelixencia israelí, que tamén creou outras dúas sociedades fantasmas.

No marco dun posíbel ataque sionista, o analista militar Elijah Magnier detallou á canle Al Jazeera que “tanto Hezbolá como Israel entenden que o sistema de comunicacións do primeiro non foi comprometido”.

Comentarios