José Guirao, novo ministro de Cultura

Màxim Huerta sucumbe ás presións e demite ao non conseguir o respaldo de Sánchez

Màxim Huerta é xa historia e tórnase no ministro máis breve do réxime de 1978. No seu currículo só figurarán 7 días como membro do gabinete. Só puido participar nun consello de ministras e ministros. Anunciou a súa demisión en conferencia de imprensa ás 19 horas após amagar horas antes con se manter no cargo. Non achou o apoio suficiente na Moncloa e renuncia após trascender que cometeu fraude fiscal. A reacción do goberno Sánchez e do PSOE foi ambigua durante todo o día.

huerta
photo_camera Màxim Huerta

Durante toda esta cuarta feira, non houbo unha reacción unívoca nen na Moncloa nen na Rúa Ferraz a respeito de se respaldar ou non a versión oferecida por Màxim Huerta en dúas entrevistas radiofónicas sobre a natureza das súas irregularidades fiscais. O ministro negou que cometese fraude e explicou que todo se debía a un cambio de criterio de Facenda. Non é certo. Non houbo tal mudanza. Simplesmente un reforzamento das inspeccións no combate a unha práctica que foi precisamente na que incorreu Huerta: tributar no imposto de sociedades -o tipo medio é 20 por cento- o que debía ter sido declarado no IRPF -48 por cento, ao ser ingresos de traballo e non de capital. A fraude foi, de acordo con dúas sentenzas, deliberada e non produto do descoñecimento.

En 2015 Sánchez criticou as prácticas fiscais de Juan Carlos Monedero, xemelgas ás de Huerta, e anunciou que non toleraría no seu goberno a ningúen que utilizase sociedades interpostas para burlar o fisco

A historia de Huerta foi comprada por portavoces do PSOE e pola voceiro no Congreso, Adriana Lastra, mais durante todo o día non houbo nengunha declaración de apoio por parte de Pedro Sánchez e unha persoa moi próxima ao presidente, a ministra de Xustiza, Margarita Robles, evitou apoiar o titular de Cultura. "Non teño elementos de xuízo a respeito de ninguén para poder facer un pronunciamento neses termos", dixo. A hemeroteca xogaba tamén en contra a Huerta: en 2015, Sánchez criticou as prácticas fiscais de Juan Carlos Monedero -xemelgas ás de Huerta no que ten a ver coa tributación no imposto de sociedades e non no IRPF- e declarou que no seu goberno non podería estar ninguén que utilizase sociedades interpostas para burlar o fisco.

A cabeza de Huerta pediuna tamén Unidos Podemos, quen anunciou -foi o propio Pablo Iglesias quen o fixo- que demandaría a reprobación do ministro no caso deste non ser cesado por Sánchez.

Huerta volta a declarar a súa inocencia

Na súa comparecencia, Màxim Huerta voltou a declarar a súa inocencia e a negar que cometese fraude. A súa tese continuou a ser a mesma: non houbo irregularidade nengunha, senón unha mudanza de criterio de Facenda que deixaba na ilegalidade prácticas que no seu momento eran comúns entre os criadores. "Son consciente de que a inocencia non vale de nada perante esta xauría", dixo en alusión aos meios que desde primeira hora desta cuarta feira publicaron informacións sobre o asunto, entreveradas de peticións de demisión. "Para defender aquilo que amas ás veces hai que retirarse", dixo.

O ministro demisionario afirmou que tributar por sociedades no canto de por IRPF, tal e como el fixo, non era ilegal, o que no seu caso non é certo. De facto, si estaba fóra da lei utilizar sociedades fantasma para facturar como traballador rendas de traballo e non de capital. 

Huerta, que en ningún momento pronunciou a palabra demisión, dixo que por este asunto pagara dúas multas, a primeira no seu día a Facenda -por ter defraudado máis de 200 mil euros, pagou unha sanción por 350 mil-, a segunda, agora, en forma de renuncia como ministro.

josé guirao"Marcho para que o ruído da xauría non parta este proxecto, o proxecto de Pedro Sánchez". Con esta frase concluíu a súa alocución o ministro demisionario. O ministro máis efémero do réxime de 1978. 7 días no cargo.

José Guirao, novo ministro

Apenas houbo tempo para se abrir un baleiro de poder ao fronte do Ministerio de Cultura. Demitido Huerta, Sánchez procedeu ao nomeamento de José Guirao, xestor cultural e experto en arte, como novo titular da carteira. Foi director do Museo Raíña Sofía (1994-2001) e director de La Casa Encendida -centro cultural e social en Madrid- entre 2002 e 2014.

E, tal e como foi destacado nas redes, non ten twitter, o que permite debuxalo cun perfil ben distinto ao mediático Huerta.

Nota: A foto de Guirao, nunha comparecencia no Senado, está tirada da Wikipedia e a súa autora é Montserrat Boix.

Comentarios