Situadas entre Escocia, Noruega e Islandia, as Feroe son un arquipélago de 18 illas (17 delas habitadas) de 1.400 quilómetros cadrados onde viven apenas 50.000 persoas, 20.000 delas en Tornshaven, a capital, e a súa contorna. Son un área autónoma mais pertencente ao Reino de Dinamarca, nunha situación similar á de Groenlandia. Nas eleccións lexislativas que decorreron en 2015 os partidos independentistas atinxiron 19 dos 33 escanos do Parlamento, propiciando un novo escenario electoral: derrota da dereita e posibilidades de goberno cunha coligazón entre centro-esquerda dinamarqués e independentistas.
E así foi. En setembro de 2015 atinxíase un pacto de goberno entre socialdemócratas e independentistas. Nese pacto incluíase o compromiso de elaborar unha constitución para Feroe, un texto no que se recoñecese o dereito á autodeterminación do arquipélago. A Constitución tería que se someter a referendo, o que terá lugar en abril de 2018, e de ser aprobada abriría as portas a unha consulta independentista.
Independencia proclamada e anulada por Dinamarca
As Feroe levan baixo dominio de Dinamarca, con breves irrupcións, desde 1.388. Non foi unha relación amistosa, O Parlamento das Feroe (Løgting) foi suspendido ou abolido en varias ocasións, como en 1856; e o idioma e cultura propias das illas foron marxinadas pola lexislación imposta desde Copenhage.
En setembro de 1946 realizouse un referendo, consulta na que os votos a prol da independencia representaron o 50,8% dos emitidos fronte ao 49,2% de sufraxios partidarios de seguir en Dinamarca. As Feroe declararon a independencia o 18 de setemgro, mais dous días despois Dinamarca anulou a declaración.
En 1948 as Feroe obtiveron un auto-goberno que daba competencias ao goberno autónomo sobre diferentes eidos. En virtude desta autonomía, as Illas Feroe decidiron en referendo non facer parte da Unión Europea.