O 16 de febreiro Sardeña ten cita electoral para escoller novo goberno para esta illa mediterránea de perto de 2.500.000 habitantes e baixo soberanía italiana, mais cun estatuto especial de 'rexión autónoma'. A gran novidade dos comicios pode ser, segundo sinalan enquisas e sondaxes, a irrupción con forza do independentismo, que se presenta na plataforma Sardegna Possibile e con Michela Murgia como candidata.
As enquisas dan a SP entre o 11% dos votos e o 21%, o que situaría a esta formación ben como a terceira forza da illa (de ter o 11%) ou ben como a primeira (de atinxir o 21%). Medios e axencias italianas falan dos comicios de febreiro con titulares mesmo de “os independentistas, á cabeza nas eleccións sardas”. E analizan a irrupción desta forza como o principal risco para @s gobernates da illa, en mans do centro-dereita italiana.
“Somos independentistas, mais o independentismo non é só para independentistas. O proxecto de goberno dos independentistas é un bo proxecto para Sardeña, tamén para os que non son independentistas”
Un proxecto construído desde e para a base
Sardegna Possibile naceu con vontade ser “un espazo novo” na illa, construído após debates e encontros de vila e de barrio que se concretaron nunha coalición que ten o alicerce en listas cívicas. Nun panorama tan fragmentado como o do independentismo sardo (con múltiples partidos, organizacións, asociacións,...) SP aglutina @s partidari@s de crear a 'República de Sardeña' e @s desencantad@s coa política tradicional. A escritora Michela Murgia, candidata da plataforma, recoñece nunha entrevista en Vilaweb que “os partidos tradicionais italianos xa non representan ás e aos sardos”. Dá un dato: a abstención non baixa do 40%.
SP racha coa vertente máis tradicional e culturalista do nacionalismo sardo. “É importante modernizar o independentismo. Había un nacionalismo que era folclórico e un chisquiño conservador”. E ese está sobrepasado e superado, considera. “O proxecto para unha República de Sardeña” é a súa aposta. “Somos independentistas, mais o independentismo non é só para independentistas. O proxecto de goberno dos independentistas é un bo proxecto para Sardeña, tamén para os que non son independentistas”.
"En Sardeña activouse o cambio e este non vai poderse parar"
Mais Murgia engade: “A independencia non é un fetiche. É unha consecuencia histórica dunha serie de decisións progresivas e libres”.
Activouse o cambio
No proceso de conformación de SP tomaron parte persoas de diferentes experiencias e traxectorias políticas. Hai quen non é independentista, mais asumen que hai “dependencias que impiden a Sardeña desenvolverse e ter un camiño de seu, tamén desde unha óptica cívica, non só como suxeito político”.
Esta escritora enfatiza na entrevista en Vilaweb que en Sardeña “activouse o cambio” e que é un cambio que “non se vai poder parar”. Sostén que hai uns anos sería impensábel que unha formación soberanista tivese tal apoio. E chama a se manter a pé de pobo, de rúa: “Non podemos correr o risco de responder a dinámicas equivocadas”. Cre que SP é a mostra de que “a sociedade vai por diante dos políticos”.