A infanta Cristina, imputada por delito fiscal e branqueamento

A filla do Borbón está chamada a declarar o vindeiro 8 de marzo para render contas perante o xuíz José Castro polo lavado de capitais procedentes dos negocios fraudulentos da súa parella, Iñaki Urdangarín, no marco do 'caso Nóos'.

photo_camera [Imaxe de arquivo: SG]


O xuíz José Castro imputou a infanta Cristina por delito fiscal e branqueamento e citouna para declarar o vindeiro 8 de marzo no marco do 'caso Nóos'.

O maxistrado considera que a filla do Borbón é responsábel do lavado de capitais que proviñan dos negocios fraudulentos que a súa parella, Iñaki Urdangarín, desenvolvía canda o seu socio Diego Torres, investigados ambos os dous por se embolsar até 5,8 millóns de euros a través dunha organización, o Instituto Nóos, que non tiña ánimo de lucro. A fiscalía anticorrupción e a avogacía do Estado rexeitaron a imputación de Cristina de Borbón ao non ver motivación suficiente. Anticorrupción pide para Urdangarín 12 anos de prisión polos delitos que lle atribúe, a maioría de carácter fiscal.

A declaración da filla do monarca español en calidade de imputada chega após o mergullo de nove meses de duración que o xuíz Castro fixo nas contas bancarias, as propiedades, os gastos declarados, a actividade da sociedade Aizoon --propiedade do matrimonio-- e as facturas a nome da infanta entre 2002 e 2012. Nun auto de 230 folios, o maxistrado enumera indicios suficientes para contrastar a información recabada coa propia titular desas contas coa finalidade de determinar a súa responsabilidade penal no 'caso Nóos'.

De todas as partes personadas na causa unicamente o colectivo da ultra-dereita Manos Limpias reclamou a imputación da filla do Rei ao non dar por boa a versión de que ela "non sabía nada" da actividade de Urdangarín. É esta a segunda vez en que Cristina de Borbón resulta imputada nesta investigación. A primeira delas non prosperou porque a Audiencia de Palma desautorizou o xuíz e bloqueou a declaración da infanta.

Comentarios