Intelixencia non acha indicios de colaboración entre Trump e Moscova para manipular as eleccións

Asesores de Donald Trump estiveron en comunicación durante 2016 con oficiais rusos, segundo revela esta cuarta feira The New York Times.

Trump Hillary
photo_camera Un momento da campaña eleitoral

A información publicada esta cuarta feira polo diario de orientación demócrata revela que a equipa de Donald Trump foi espiada polos servizos de intelixencia norteamericanos durante 2016.

Nese ano, asesores do magnate mantiveron conversas con oficiais da Administración Putin. As pesquisas realizadas, aliás, non permiten probar que Trump combinase con Moscova a manipulación das eleccións norteamericanas.

A investigación sobre estas conversas está clasificada, así que as fontes consultadas por The New York Times se refuxiaron no anonimato.

En todo caso, si avanzaron que até agora non acharon evidencias de que nos contactos entre a equipa de Trump e Moscova se combinase a adulteración do proceso eleitoral para favorecer Trump e prexudicar Clinton.

As gravacións producíronse na época en que a intelixencia norteamericana si achou evidencias de que por orde do Kremlin se estaban a hackear os cuarteis xenerais do Partido Demócrata, en concreto as contas de correio de John Podesta, chefe de campaña de Hillary Clinton.

Declaracións de Trump durante a campaña no sentido de que agardaba que Rusia roubase os emails de Clinton e os fixese públicos alarmaron os servizos de intelixencia e conducíronos a reforzar as pesquisas sobre a equipa de asesores do magnate, de acordo coa información publicada por The New York Times.

As fontes de The New York Times son catro oficiais da intelixencia, algún deles xa retirados.

A espionaxe atinxiu non só oficiais da intelixencia rusa, senón tamén cargos políticos da Administración Putin.

Un dos asesores de Trump investigados é Paul Manafort, chefe da campaña durante varios meses de 2016 e antigo conselleiro político en Ucraína.

Manafort negou, en declaracións a The New York Times, que mantivese ningún contacto con oficiais da intelixencia rusa.

Como home de negocios, si tivo intereses empresariais en Rusia, enfatiza o rotativo.

Comentarios