A Intersindical CSC convoca unha folga xeral para o día 8 en Catalunya

O sindicato independentista CSC chama a unha folga xeral o próximo día 8 en Catalunya como resposta "ao empobrecemento da clase traballadora". Para ese mesmo día, cuarta feira, a ANC e Òmnium Cultural convocaron un "paro de país" reclamando á liberación dos dirixentes sociais e políticos que o Estado fixo presos.

catalunya greve @comitemanresa
photo_camera Manifestación en Manresa o 3 de outubro durante a última folga en Catalunya.

A Intersindical CSC convoca unha folga para denunciar a precariedade laboral e as dificultades dos traballadores para conseguir unha subsistencia digna, segundo explicou o seu secretario xeral Carles Sastre, que tamén pediu a derrogación do decreto ministerial que facilita a mobilidade de empresas no territorio do Estado. "Non é unha folga política porque aquí as folgas políticas están prohibidas", explicaron desde a central. Porén, CC.OO. e Fomento del Trabajo, a patronal, xa se manifestaron en contra por motivos diferentes. 

Mentres Comissions Obreres de Catalunya explica que non apoiará a folga porque consideran que non se debe trasladar ao plano laboral unha cuestión que supera este ámbito; a patronal catalá Fomento del Trabajo anunciou que presentará unha demanda de procedemento colectivo diante do Tribunal Superior de Justicia de Catalunya para que a folga sexa declarada ilegal e reclamar danos e prexuízos se chegara a celebrarse. A CGT tampouco respaldará a folga xeral. O sindicato advirte que "non ten tempo material" nin para debater nin para pronunciarse. 

Respecto da convocatoria da ANC e Òmnium Cultural, CC.OO. sinala que mantén contactos coa Taula per la Democràcia para decidir se apoia ou non ese paro. Pola súa banda, a UGT catalá adiou até a segunda feira a súa decisión sobre esta convocatoria.

Comentarios