Israel ataca a capital do Líbano

Segundo os medios de comunicación libaneses, a acción tivo lugar no suburbio de Dahiyeh.
O exército libanés nas rúas de Beirut tras a explosión masiva e simultánea de 'buscas' da pasada terza feira 17 de setembro de 2024. (Foto: Marwan Naamani / dpa)
photo_camera O exército libanés nas rúas de Beirut tras a explosión masiva e simultánea de 'buscas' da pasada terza feira 17 de setembro de 2024. (Foto: Marwan Naamani / dpa)

As Forzas de Defensa de Israel aseguraron levar a cabo un "ataque selectivo" esta sexta feira en Beirut, capital do Líbano. O Exército israelí afirmou que, polo momento, non se modificaron as directrices relativas aos civís, e que en breve facilitará máis detalles sobre o ataque. Segundo os medios de comunicación libaneses, a acción tivo lugar no suburbio de Dahiyeh.

O número de persoas mortas no ataque aumentou a 12, mentres que a cantidade de feridas ascendeu a 66, segundo un recente informe do Ministerio de Saúde libanés. Precisouse que nove persoas están en estado crítico, polo que o número de falecementos podería aumentar. "Até o momento, continúase coa remoción de cascallos", indicou o organismo.

Segundo AFP con referencia a unha fonte próxima, "o ataque aéreo israelí matou o comandante da Forza Radwan, Ibrahim Aqil, o segundo ao mando da súa forza armada despois de Fuad Shukr", quen foi abatido nun ataque israelí o pasado mes de xullo. Aqil está acusado de perpetrar un atentado con bomba contra a Embaixada estadounidense e o cuartel dos marines en Beirut en 1983, quen ademais é buscado polo FBI.

O Líbano prohibe introducir 'walkie-talkies'

As autoridades de aviación do Líbano emitiron unha nova directiva para prohibir aos pasaxeiros introducir dispositivos buscapersona e 'walkie-talkies' nos avións despois das explosións coordinadas dos últimos dous días.

A orde afecta ao Aeroporto Internacional Rafik Hariri da capital libanesa, Beirut, e esténdese non só á equipaxe de man, senón tamén ao que poida ir facturado en adega. Segundo a axencia de noticias oficial NNA, aplícase con efecto inmediato e até novo aviso.

Más dunha trintena de persoas morreron entre a terza e a cuarta por explosións de centos de dispositivos de comunicación vinculados a Hezbolá, obxectivo dun aparente ataque israelí. Segundo as primeiras investigacións, estes dispositivos levaban oculta unha carga explosiva.

O carácter indiscriminado deste ataque, que se puxo de manifesto con explosións en lugares alleos ao ámbito militar ou con grande afluencia de xente, foi criticado pola ONU. O secretario xeral da organización, António Guterres, instou a non utilizar como armas obxectos civís.

"Nova guerra"

Os ataques deixan unha trintena de persoas mortas e miles de feridas sen que Israel asumise aínda a autoría destas sabotaxes, e nun momento en que o seu ministro de defensa Yoav Gallant confirmou que o exército israelí está a preparase para unha "nova fase" da guerra centrada na fronte norte, na súa fronteira co Líbano.

Comentarios