O Líbano prohibe introducir 'walkie-talkies' e buscas nos avións con efecto inmediato

A medida estará en vigor até novo aviso.
Un home sostén en Beirut un 'walkie-talkie' co logotipo da firma xaponesa Icom. (Foto: Europa Press / Contacto / Bilal Jawic)
photo_camera Un home sostén en Beirut un 'walkie-talkie' co logotipo da firma xaponesa Icom. (Foto: Europa Press / Contacto / Bilal Jawic)

As autoridades de aviación do Líbano emitiron unha nova directiva para prohibir aos pasaxeiros introducir dispositivos buscapersona e 'walkie-talkies' nos avións despois das explosións coordinadas dos últimos dous días.

A orde afecta ao Aeroporto Internacional Rafik Hariri da capital libanesa, Beirut, e esténdese non só á equipaxe de man, senón tamén ao que poida ir facturado en adega. Segundo a axencia de noticias oficial NNA, aplícase con efecto inmediato e até novo aviso.

Más dunha trintena de persoas morreron entre a terza e a cuarta por explosións de centos de dispositivos de comunicación vinculados a Hezbolá, obxectivo dun aparente ataque israelí. Segundo as primeiras investigacións, estes dispositivos levaban oculta unha carga explosiva.

O carácter indiscriminado deste ataque, que se puxo de manifesto con explosións en lugares alleos ao ámbito militar ou con grande afluencia de xente, foi criticado pola ONU. O secretario xeral da organización, António Guterres, instou a non utilizar como armas obxectos civís.

"Nova guerra"

Os ataques deixan unha trintena de persoas mortas e miles de feridas sen que Israel asumise aínda a autoría destas sabotaxes, e nun momento en que o seu ministro de defensa Yoav Gallant confirmou que o exército israelí está a preparase para unha "nova fase" da guerra centrada na fronte norte, na súa fronteira co Líbano.

Comentarios