Maduro expulsa de Venezuela tres diplomáticos norteamericanos por ''actividades irregulares'' nas universidades

O mandatario bolivariano asegurou que levaban dous meses organizando xuntanzas co estudantado para lle ofreceren visados. "Que vaian conspirar a Washington", enfatizou.

Nicolás maduro
photo_camera [Maduro nunha imaxe de arquivo]


O presidente venezolano, Nicolás Maduro, procedeu á expulsión de tres diplomáticos norteamericanos e á súa declaración como persoas non gratas por faceren "actividades irregulares" nas universidades. Segundo explicou, levaban por volta de dous meses facendo reunións en que ofrecían visados ao estudantado. "Que vaian conspirar a Washington", enfatizou o mandatario bolivariano. 

Maduro considerou que as esixencias dos EUA de que o goberno debe dialogar coa oposición e deter as medidas xudiciais encetadas contra Leopoldo López son "insolentes e inaceptábeis". Acrecentou que "eu non recibo ordes de ninguén neste mundo". Sobre López pesa unha orde de procura e captura, polo que se mantén na clandestinidade. 

Máis expulsións por actividades de conspiración

En outubro do ano pasado, o goberno venezolano expulsou Kelly Keiderling, encargada de negocios da embaixada de Estados Unidos en Caracas, así como a Elizabeth Hoffman e David Moo, que ocupaban a secretaría adxunta para asuntos políticos da misión diplomática e o viceconsulado, por participaren en actividades de conspiración.

Tamén expulsou en marzo dous agregados militares estadunidenses aos que responsabilizou de trataren de establecer contacto con oficiais activos venezolanos para adiantar plans de desestabilización do goberno do país. 

Washington respondeu de maneira recíproca ás accións de Caracas e tamén expulsou cinco funcionarios diplomáticos venezolanos. Venezuela e Estados Unidos mantiveron tirantes relacións e, desde 2010, ambos os países están sen embaixadores.

Comentarios