Máis de 1.600 presos palestinos en cárceres israelís inician unha greve de fame indefinida

O protesto comezou esta segunda feira,17 de abril,  coincidindo co Día de solidariedade cos presos palestinos.

PALESTINa prisioneiros israel cárcere Imaxe-alalam
photo_camera Imaxe: Alalam

 “Lanzamos esta batalla pola liberdade e dignidade como parte da loita do noso pobo”. Marwan Barghuti, histórico líder de Al Fatah encarcerado desde 2002, resumiu así o protesto que esta segunda feira, 17 de abril, veñen de iniciar máis de 1.600 presos palestinos en cárceres israelís: unha greve de fame indefinida. Coa greve, os presos exixen a fin do isolamento e as detencións administrativas (sen cargos nin xuízo), mais tamén a mellora da atención sanitaria, entre outros reivindicacións. Participan na greve presos das cadeas de de Gilboa, Hadarim, Ashkelon e Neguev, en Israel, e tamén de Ofra, na zona ocupada de Cisxordania

Marwan Barghuti realizou recentemente un chamamento  á solidariedade para cos presos, instando á sociedade palestina a tomar parte en manifestacións e mobilizacións, para alén de solicitar a organizacións políticas e institucións a actuar para acadar a liberdade dos presos políticos palestinos. “Perto dun millón de palestinos foron detidos, torturados, aldraxados física e psicoloxicamente, e sometidos a condicións duras e degradantes” por parte do  “bárbaro colonialismo sionista”, denunciou, nunha mensaxe entregada á axencia palestina de noticias Maan pola súa compañeira, Fadwa.

Segundo a axencia Maan, os prisioneiros palestinos retiraron todos os produtos de alimenticios das súas celas e rapáronse a cabeza. Un xesto, rasurar a cabeza, que foi imitado en campos de refuxiados palestinos como mostra de solidariedade para coas persoas presas. Segundo cifras da ANP, 6.500 palestinos están detidos por Israel, incluídos 300 menores, 12 parlamentarios e 28 periodistas.

Comentarios