Miles de mulleres saen á rúa en Estambul “contra a legalización da violación”

O proxecto do gubernamental AKP, aprobado no primeiro debate parlamentar, propón que fiquen sen castigo os abusos a menores se o agresor casa coa vítima. 

estambul mulleres @cahida261
photo_camera Imaxe: @cahida261

Miles de mulleres manifestáronse este sábado en Estambul para protestar contra o proxecto de lei do gobernante AKP que propón que os responsábeis de abusos a menores non sexan castigados se casan coa vítima. Unha proposta que xerou o rexeitamento frontal de partidos da oposición, sindicatos, colectivos sociais e mesmo da ONU. Até unha asociación da cal a filla do presidente Erdogan (do AKP) é vice-presidenta se pronunciou contra esta proposta.

“AKP saca as mans do meu corpo” e “A violación non pode ser legalizada” foron algunhas das palabras de orde que se proferiron na marcha, que decorreu na beira asiática da cidade. O proxecto foi aprobado no Parlamento nesta semana e volverá a un segundo debate nos vindeiros días.

De ser finalmente aprobado, permitirá que homes condenados por agresión sexual a unha menor, cometida antes do 11 de novembro de 2016, sexan postos en liberdade se o agresor casa coa vítima. Até 3.000 presos poderían beneficiarse desta medida.

O ministro de xustiza defende o proxecto

Erdogan solicitou ao seu partido que negocie o proxecto coa oposición, consciente do profundo recxeitamento interno e internacional que xera. O ministro de xustiza, Bekir Bozdag, defende o proxecto e mantén que “os casamentos precoces son infelizmente unha realidade” e que con esta medida o que se procura é “protexer os menores”, para alén de que só se aplicará se a “agresión sexual” se cometeu “sen uso da forza”.

A ONU xa manifestou a súa preocupación. “Esas formas abxectas de violencia contra menores son crimes que deben de ser castigados como tales e ten que prevalecer o superior interese do menor”. Unicef considera que o proxecto “introduce unha especie de amnistía para os culpados de abusos a menores”.

Comentarios