Unha muller, condenada a ser violada por 13 homes nunha aldea da India

Trátase dunha moza de 20 anos que mantivo durante os últimos 5 unha relación sentimental cun home doutra comunidade, relación prohibida polo código local da aldea. Ao non poder pagar a multa de 300 euros que lle foi imposta, o consello de anciáns ordenou unha violación colectiva.

india
photo_camera Protesto contra a violencia machista na India [arquivo SG]


Unha muller de 20 anos foi violada de maneira colectiva en cumprimendo da orde ditada polo consello de anciáns dunha aldea da India como "castigo" por manter unha relación sentimental cun home doutra comunidade. Segundo o código local da aldea de Subalpur, tal relación estaría prohibida malia que xa duraba cinco anos. 

Segundo informa o diario Público.pt, moza e mozo foron detidos para seren xulgad@s cando el a visitou na aldea para a pedir en matrimonio. Os dous foron condenados a unha multa de 300 euros. El pagouna mais a familia dela non tiña tal cantidade, polo que o consello de anciáns ordenou unha violación colectiva: 13 homes forzárona a manter relacións sexuais que ela non consentiu. 

"É horríbel. Son todos veciños e eu chámolles 'kaká' (tío) ou 'dadá' (irmán máis vello) ou 'bhai' (irmán)", explicou a muller ás autoridades policiais unha vez que foi ingresada no hospital, acrecentando que non podía sinalar con certeza cantos homes a violaran: "foron máis de cinco, puideron ser até dez..." Os 13 agresores foron detidos, ao igual que o chefe da aldea. 

En 2010 rexistrouse un caso semellante noutra aldea da India, en Birbhum, onde as relacións entre persoas de distintas comunidades están tamén prohibidas polo consello de anciáns, un organismo que non ten ningún tipo de autoridade oficial mais que se encarga de punir este tipo de actuacións á maneira que o fixo coa moza de 20 anos violada por 13 homes. Nestoutro caso, tres mulleres foron obrigadas a espir as roupas e camiñar núas pola aldea. 

Comentarios