Níxer instaura dúas sociedades públicas para explotar uranio e ouro tras botar unha empresa francesa e outra canadense

A Xunta Militar expulsou os soldados franceses.
Mina a ceo aberto de uranio na Patagonia, na Arxentina. (Foto: SobrevolandPatagonia)
photo_camera Mina a ceo aberto de uranio na Patagonia, na Arxentina. (Foto: SobrevolandPatagonia)

A Xunta Militar de Níxer, que se fixo co poder hai máis dun ano nun golpe de Estado incruento que derrubou un aliado occidental na rexión, aprobou crear dúas empresas públicas para xestionar as explotacións de ouro e uranio “con total soberanía e en beneficio da poboación nixerina”, reportou a sexta feira a Axencia Nixerina de Novas.

As empresas Mazoumawa National Gold Company e Timersoi National Uranium Company viron a luz despois de que o país retirara as licenzas para explotar dúas minas de uranio á compañía semi pública francesa Orano e á empresa privada canadense GoviEx.

A produción nixerina é clave para a seguridade enerxética francesa, pois arredor dun cuarto do uranio que alimenta as súas centrais nucleares, que están detrás de 70% da produción eléctrica no país, procede de Níxer.

Ademais, o novo Executivo tamén expulsou as tropas francesas e estadounidenses, despregadas en bases militares no seu territorio, achegándose a Burkina Faso e Malí, coas que desenvolveu a Alianza de Estados do Sahel.

Comentarios