Jean Claude Juncker, presidente da Comisión Europea

"Se nós permitimos que Catalunya se separe, outros farán o mesmo"

O titular do Executivo comunitario dixo esta sexta feira que non vai mediar entre Catalunya e o Estado español porque só llo ten solicitado unha das partes en conflito, isto é, a catalá. Juncker afirma non querer unha Europa con 90 países. Neste momento a UE está formada por 28 estados, mais en breve serán 27, após o Brexit.

juncker
photo_camera Jean Claude Juncker

O recoñecimento internacional é unha das chaves para a independencia de Catalunya se tornar unha realidade. Esta mesma sexta feira, Artur Mas -o líder orgánico do Partit Demòcrata Europeu Català- afirmou nunha entrevista en TV3 que "se un estado se declara independente, mais non o recoñece ninguén e non pode actuar como tal, é unha independencia estética. E se non se ten en conta o factor exterior, pódense cometer erros".

No taboleiro internacional a UE é unha peza básica para as correntes dominantes do soberanismo -quer para ERC quer para o PDeCAT, confesionalmente europeístas-, daí que calquera cousa que diga Jean Claude Juncker neste momento se converte nun asunto de política interna catalá. Consciente dese poder, o titular da Comisión Europea declarou esta sexta feira, nun Facebook Live realizado na Universidade de Luxemburgo, que "se nós permitimos que Catalunya se separe, outros farán o mesmo. Eu non quero iso. Xeraría máis caos. Eu non quero unha Europa formada por 90 países".

Con ese "se nós permitimos..." Juncker desliza implicitamente que unha palabra en positivo da UE daría carta de natureza á República catalá independente. Mais as vibracións que chegan de Bruxelas non son boas para o soberanismo catalán. Juncker di que non vai mediar porque só recebeu unha petición nese sentido dunha das partes, non desde logo a española, e porque até o de agora só o ten feito entre estados e Catalunya non o é.

E mentres tanto, Artur Mas ve imposíbel un "diálogo operativo" entre as institucións catalás e as españolas porque as relacións están "moi deterioradas". O líder do PDeCAT dá por sentado que o president da Generalitat, Carles Puigdemont, si realizou unha declaración de independencia a pasada terza feira: "A independencia decidiuse a 1 de outubro porque había máis votos do si do que do non. Quen aproba a independencia é o pobo de Catalunya, nas urnas do referendo".

Comentarios