"OS PROCESOS TEñEN QUE RESPONDER á LEGALIDADE E á DEMOCRACIA"

Pablo Iglesias afirma que a Generalitat "non ten competencias para levar a cabo unha DUI"

O flamante secretario xeral de Podemos apela a un "proceso constituínte" para resolver a cuestión catalá. Opina que a maioría dos cataláns preferirían "mil veces estar en España con Podemos que en Catalunya co señor Mas e con CiU".

Pablo Iglesias
photo_camera Pablo Iglesias

Non hai tregua para a frenética axenda mediática de Pablo Iglesias, sempre nos meios de maior audiencia. A estrela emerxente da política española pasou esta segunda feira polos micrófonos da SER, no espazo de entrevista de Pepa Bueno, e, marca da casa, deixou titulares. Por exemplo, cando aludiu á presenza de tropas norteamericanas en España, dixo: "Son patriota e non gosto de que haxa militares estadounidenses en territorio nacional". Bueno interpelou entón a Iglesias sobre se defende a saída da OTAN e o líder de Podemos dixo que si, embora non adquiriu ningún compromiso concreto ao respeito, argumentando que se trata dun asunto complexo [o Estado español entrou na OTAN após un referendo, non vinculante, e por unha decisión parlamentaria].

Son patriota e non gosto de que haxa militares estadounidenses en territorio nacional

Mais a cuestión politicamente máis relevante sobre a que se debruzou Iglesias foi o dossier catalán. A pergunta de Bueno foi incontornábel. Que faría un Goberno de Podemos perante unha eventual Declaración Unilateral de Independencia (DUI)? A primeira resposta de Iglesias foi evasiva. Enmarcou a solución no que chama un "Proceso Constituínte". "Os problemas que hai no país soluciónanse con máis democracia", dixo. Bueno reperguntou. Entón aí Iglesias foi máis explícito. "Isto discútese nun Proceso Constituínte. O Goberno da Generalitat entendo que non ten competencias para levar a cabo unha DUI. Os procesos teñen que responder á legalidade e á democracia".

España é un país de nacións", dixo Iglesias, quen enfatizou que non quer Catalunya se vaia do Estado

Cal é o mecanismo que propón Podemos? "Abrir portas e ventás. Discutamos de todo, que haxa unha Asemblea constituínte en que os representantes dos cidadáns podan voltar a decidir como nos organizamos como país".

E cal é o modelo que defendería Podemos nesa Asemblea Constituínte? "España é un país de nacións", dixo Iglesias, quen enfatizou que non quer Catalunya se vaia de España. Foi entón cando deixou outro títular: afirmou a súa convicción de que a maioría dos cataláns "prefiren mil veces estar en España con Podemos que en Catalunya co señor Mas e con CiU".

Comentarios