Palestina reparte doces para celebrar a morte de Ariel Sharon

Após oito anos en coma, o ex primeiro ministro israelí finou sen responder da invasión ao Líbano que perpetrou en 1982 malia que unha investigación oficial o declarou culpábel de non evitar os masacres acontecidos nos campos de refuxiad@s de Sabra e Chatila.

sharon
photo_camera [Imaxe de arquivo: SG]


O 11 de xaneiro foi un día de alegría nos campos de refuxiad@s palestinian@s de Beirut e tamén na Faixa de Gaza. Morreu Ariel Sharon, o 'carniceiro de Beirut', após oito anos en coma.

Namentres os líderes internacionais se desfacían en condolencias, nas rúas do Líbano e de Palestina repartíronse bolachas e doces e queimáronse retratos do ex primeiro minitro israelí recordando os masacres de Sabra e Chatila en 1982, polos que nunca foi xulgado malia que unha investigación oficial o declarou culpábel, forzando a súa demisión do ministerio de Defensa en 1983. Aínda así, tanto en Gaza coma en Cisxordania viviuse unha xornada normal. O tempo que botou en estado vexetativo diluíron o rexeitamento que o seu nome xera na poboación palestina. 

Os principais dirixentes de Palestina, tanto de Hamas coma de Al Fatah, trouxeron ao presente as "atrocidades" de Sharon nos discursos pronunciados co gallo da súa morte. "Non deixa ningunha simpatía ou compaixón no pobo palestino", dixo Mahmud Labadi, do comité de relacións exteriores de Al Fatah, quen enfatizou que "non podemos recordar ningún momento bo que Sharon nos dera" e que "o único que lamentamos é que o conflito non se resolvera na súa etapa como primeiro ministro, mais non lamentamos a súa morte".

A principal autoridade da OLP, Yibril Rayub, tamén mostrou o seu lamento, mais fíxoo porque Sharon "non chegou ao tribunal penal internacional polos seus crimes". Por derradeiro, desde Hamas, o seu voceiro na Faixa, Salah al-Bardawil cualificou o ex mandatario de "criminal" e dixo que rezaría para que tanto el coma "todos os sionistas que cometeron masacres" contra o pobo palestiniano "vaian parar ao inferno".

Comentarios