O premio Frantz Fanon, para o preso político máis antigo dos EUA: Leonard Peltier

O galardón recaeu en anos anteriores en Stephen Hessel, un dos redactores da declaración dos Dereitos Humanos, o preso afro-americano Mummia Abu-Jamal ou o militante palestino Georges Abdallah. 

leonard peltier

Desde 2011, a Fundación Frantz Fanon outorga o premio que leva o nome do autor de 'Os condenados da terra' a persoas cun historial e compromiso de loita contra as inxustizas e a opresión. Nesta edición, o premio vai para Leonard Peltier, un indio sioux que é o preso político máis antiguo dos Estados Unidos. O galardón foi recollido en París por unha delegación do Movemento Indio Americano.

Leonard Peltier está condenado a dúas cadeas perpetuas pola morte de 2 axentes do FBI en 1975 en Pine Ridge, unha reserva india. Este activista nativo-americano leva entre reixas catro décadas e movementos de dereitos humanos dos Estados Unidos volveron insistir nos últimos meses nas peticións e demandas para que sexa posto en liberdade. Argumentan que o seu encarceramento fíxose sen haber probas concluíntes na súa contra, nun proceso baixo sospeita e nun momento (década dos 70) nos que desde FBI, servizos de intelixencia e Policía había programas específicos de criminalización dos movementos afroamericanos e nativoamericanos. Peltier era militante do AIM (Movemento Indio Americano).

Este activista nativo-americano leva entre reixas catro décadas. Movementos de dereitos humanos dos EUA insisten nas peticións e demandas para que sexa posto en liberdade.

Peltier é “un símbolo dos pobos orixinarios” de América, sosteñen estes colectivos e movementos. Amnistía Internacional reitera que debe ser liberado. Columnistas de xornais como o NYT avogan por unha revisión do proceso. Xa Nelson Mandela `pedira a súa liberación a Bill Clinton no ano 2000. O daquela presidente de EUA aceptou estudar a demanda mais a marcha-protesta de 500 axentes de FBI até a Casa Branca fixo que Clinton optase por dar carpetazo ao asunto.

Peltier ten graves problemas de saúde. Está encarcerado en Florida, a 3.200 kilómetros dos seus familiares (que viven en Dakota do Norte). Sufriu agresións e maos tratos, denuncian desde as plataformas a prol da súa liberación.

Como acabou este indio sioux-chippewa en prisión, condenado a 2 cadeas perpetuas? A raíz dun tiroteo nunha 'reserva indíxena' en xuño de 1975. O 26 dese mes axentes entraban nun rancho da reserva de Pine Ridge para deter a un mozo que presuntamente roubara unhas botas de montar. Pine Ridge estaba, ao igual que outras moitas comunidades indias, baixo investigación e vixiancia do FBI polas actividades do movemento nativo-americano.

Testemuñas recoñeceron sufrir presións do FBI para acusar a Peltier e mesmo, anos despois, a Corte de Apelación recoñecía que “hai probas de condutas indebidas” no proceso

Nas semanas anteriores varios indios foran asasinados por homes brancos, polo que a tensión en Pine Ridge era moi alta. A irrupción dos axentes levou a anciáns desta comunidade a pedir protección ao Movemento Indio Americano (AIM). Varios activistas responderon a esa chamada, entre eles Peltier.

''Montaxe''

A resultas do titoreo morreron 2 axentes do FBI e un indio. Peltier e dous compañeiros seus do AIM foron xulgados polos feitos, mais estes dous nunha causa separada. Ficaron libres por entender que actuaran en defensa propia. Mais Leonard non.

Porén, testemuñas recoñeceron sufrir presións do FBI para acusar a Peltier e mesmo, anos despois, a Corte de Apelación recoñecía que “hai probas de condutas indebidas” no proceso e mesmo a comisión afirmaba textualmente: “A Fiscalía admitiu a falla de evidencia en que Peltier participase persoalmente na execución de 2 axentes do FBI”.

Comentarios