Condena a actitude "totalitaria e antidemocrática" do Estado

Puigdemont afirma que o Estado suspendeu de facto a "autonomía de Catalunya" e reafirma o 1-O

A macro-operación da Garda Civil contra o Govern desta cuarta feira é interpretada polo president Carles Puigdemon como unha suspensión de facto da autonomía de Catalunya. "Condenamos a actitude totalitaria e antidemocrática do Estado español", dixo Puigdemont nunha comparecencia solemne do Govern no Palacio da Generalitat. Fixo unha apelación enfática a que a resposta do pobo catalán á "agresión" do Estado sexa masiva, democrática e pacífica. Puigdemont reafirmou a convocatoria do referendo.

puig
photo_camera Comparecencia solemne do Govern

O Goberno español acaba de cruzar a liña vermella que separa os Estados democráticos daqueles que non o son, afirmou Puigdemont na súa declaración deste 20-S, a apenas 11 días da realización do referendo de autodeterminación.

O president chamou a converter o 1-O nun día para "defender a democracia perante un réxime represivo e intimidatorio", ben como fixo varias apelacións a que a resposta cidadá perante a ofensiva autoritaria do Estado sexa "pacífica" e "cívica", rasgos que teñen caracterizado ás manifestacións xigante soberanistas habidas en Catalunya desde no mínimo 2012.

Mentres Puigdemont pronunciaba este discurso, miles de persoas colapsaban o centro de Barcelona, as rúas do Eixample que acolleron un millón de persoas o pasado 11 de setembro en defensa dos direitos nacionais de Catalunya. Saíron a protestar contra a acción sen precedentes da Garda Civil, que entrou en catro consellarías e detivo 13 persoas, entre elas altos cargos como o número 2 de Junqueras.

Puigdemont cualificou de "ilexítima" a macro-operación despregada polo instituto militar estatal, a intervención dun Goberno español "que non respeita os principios básicos da democracia".

O president anunciou que o Govern manterá contactos cos distintos axentes sociais e políticos do país para analisar a resposta a dar á ofensiva autoritaria do Estado.

Comentarios