Pide a Rajoy que cese a represión

Puigdemont elude esclarecer se declarou a independencia e propón un diálogo ao longo de 2 meses

O últimato dado por Rajoy para activar o 155 -a suspensión do autogoberno catalán- pretendía achar unha resposta clara á pergunta de se o 10-O Puigdemont declarara ou non a independencia. O president opta por eludir a cuestión e por propor, en troca, a abertura dun diálogo durante os dous próximos meses.

Puigdemont con Rajoy
photo_camera Puigdemont, nunha cimeira con Rajoy

Quería Rajoy unha resposta de lóxica binaria -si ou non- mais Puigdemont moveu peza noutro taboleiro, o da proposta de diálogo ao longo dos próximos dous meses.

Está por ver agora se a Moncloa entende a resposta de Puigdemont como un si implícito -o titular do Govern proclamou a suspensión da declaración de independencia a terza feira 10 de outubro- e consuma por tanto a súa ameaza de despregar os efeitos do artigo 155 da Constitución, o que virtualmente suspendería o autogoberno.

"Queremos falar, como fan as democracias consolidadas", dille Puigdemont a Rajoy, ao tempo que se refire á "suspensión do mandato político" dado polo pobo catalán o 1 de outubro.

Puigdemont formula na súa misiva dúas peticións: a primeira, que se "reverta a represión" que se exerce desde Madrid contra o soberanismo catalán -esta segunda feira comparecen na Audiencia Nacional os líderes dos colectivos soberanistas Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, e o major dos Mosso, Josep Lluís Trapero- e que o Estado cese na súa política de "vulneración dos direitos fundamentais" das catalás e dos cataláns. E aquí o president refere a listaxe de ataques ás liberdades, desde a conxelación das contas bancarias, a censura en internet, a violación do secreto postal, a detención de "servidores públicos" e a brutal policial inflixida ás votantes e aos votantes do 1-O.

A segunda petición é a realización dunha "reunión" que "nos permita alcanzar os primeiros acordos".

Comentarios