'Segunda feira negra': mulleres polacas en greve contra a prohibición do aborto

O protesto paralizou escolas e servizos públicos en máis de 60 localidades. En varias delas houbo manifestacións multitudinarias.

Polonia protesto contra aborto

O Parlamento polaco está a debater a prohibición do aborto, mesmo en supostos como a violación ou cando a vida da muller corra perigo. Para demostrar publicamente o rexeitamento a esa proposta convocouse a 'Segunda feira negra', unha greve e mobilización na que as mulleres reivindican o seu dereito a decidir sobre o seu propio corpo. O protesto decorreu en máis de 60 cidades e ducias de miles de persoas tomaron parte nas diferentes manifestacións que tiveron lugar.

A greve provocou o fechamento de escolas e servizos públicos e algunhas empresas apoiaron as reivindicacións dando o día libre ás súas traballadoras. En Varsovia, as manifestantes dirxíronse á sede do Partido da Lei e Xustiza, que ten a maioría dos deputados no Parlamento.

O 23 de setembro a lei foi aceptada no Parlamento, unha lei procedente dunha iniciativa lexislativa cidadá apoiada pola igrexa católica e que reuniu 450.000 sinaturas. Embora ter Polonia unha lei restritiva para a interrupción voluntaria do embarazo, os sectores máis conservadores queren prohibir en todo caso o aborto e mesmo condenar a 5 anos de prisión ás mulleres que aborten.

Comentarios