A tregua salta polos aires ao producirse 35 novos mortos e achega Ucraína ao abismo

Ministros de Exteriores de Alemaña, Francia e Polonia viaxan a Kiev mentres os enfrontamentos agrávanse na capital ucraína e esténdense a outras zonas.

ucraina

Nin 24 horas durou a tregua acadada a última hora desta cuarta feira entre o presidente Yanukóvich e líderes dos tres partidos opositores con presenza no Parlamento. A comunidade internacional levaba días presionando para que se puxese fin á violencia. Conseguiuse durante só unhas horas. Nesta noite os enfrontamentos na Praza de Maidan volveron, a tegua saltou polos aires e a cifra de mortos nestas horas xa é de 35, segundo informa RT.

Esta escalada de violencia prodúcese cos ministros de Alemaña, Francia e Polinia en Kiev e coa Unión Europea a ameazar con sancións a Ucraína. Desde Moscova, porén, alértase de que o que está a acontecer é un golpe de estado.

Evacuación do parlamento

Os disturbios obrigaron a evacuar o Parlamento e os enfrontamentos esténdese a outras cidades e vilas. O goberno denunciou que a oposición máis violenta (grupos de ideoloxía neonazi e fascista) fixéronse con mil armas de fogo de asaltos a comisarías. De feito, e a primeira hora desta quinta feira, un francotirador agochado nun edificio feriu a máis de 20 `policías en Kiev.

Desde a UE e EUA cárgase contra o goberno ucraíno, responsabilizándoo en última instancia da violencia. Mais entre as persoas falecidas hai tamén policías e simpatizantes do goberno. O Kiev Post informa que os opositores están collendo a policías como reféns e levándoos para edificios ocupados.

Os medios internacionais coinciden en sinalar a inestabilidade que se está a vivir en Ucraína, non descartando unha demisión do presidente e goberno, mais tampouco que a tensión chegue a un punto de guerra civil aberta.

Comentarios