Trump non recúa e cesa a fiscal xeral por bloquear o seu veto contra a inmigración musulmá

Nen un paso atrás. Non parece importarlle en exceso a Donald Trump nen a reacción interna (miles de persoas a protestaren nos aeroportos) nen a externa (con división de opinións na UE) perante o seu veto á inmigración de sete países de maioría musulmá. Esta segunda feira cesou fulminantemente a fiscal xeral, Sally Yates, por bloquear a aplicación da súa orde.

fiscal
photo_camera Sally Yates

Sally Yates, nomeada por Barack Obama, consideraba que existían serias dúbidas sobre a legalidade do decreto executivo ditado por Trump e, nese sentido, deu instrucións aos avogados do Departamento de Xustiza para que non aplicasen a orde.

Nunha misiva, Yates afirmara que non estaba "convencida" de que o decreto executivo de Trump fose plenamente legal. "Levando en conta que son a fiscal xeral en exercicio, o Departamento de Xustiza non apresentará argumentos en defensa da Orde Executiva", engadiu.

A resposta da equipa de Trump foi fulminante. Após o seu cesamento, un comunicado de imprensa da Casa Branca acusou Yates de "traizoar" o Departamento de Xustiza "ao se negar a pór en práctica unha orde legal que visa protexer os cidadáns dos EUA".

O ataque a Yates foi aínda máis alá ao apoñerlle debilidade face "a inmigración ilegal".

Yates foi reemprazada por Dana Boente, até agora fiscal do distrito oriental de Virxinia.

Comentarios