A vantaxe de Clinton sobre Trump en voto popular supera xa os 2 millóns de sufraxios

16 días despois do 8N, o escrutinio aínda non rematou por inteiro nos EUA. En voto popular a vantaxe de Clinton supera xa os 2 millóns de sufraxios. O que falta por escrutar non afectará a distribución de forzas no colexio eleitoral que formalmente elixe o presidente, mais hai compromisarias e compromisarios que amagan con mudar o sentido do seu voto.

Trump Hillary
photo_camera Un momento dun dos debates de campaña

O sistema eleitoral nos EUA é extremadamente complexo e en termos prácticos a elección do presidente da República é indirecta: son os Estados os que, através de compromisarias e compromisarios reunidos nun colexio eleitoral, votan o inquilino da Casa Branca.

De acordo co reparto decretado polas urnas o 8N, Trump tería 290 votos no colexio eleitoral e Clinton, 232. 270 é o limiar que dá a vitoria.

As e os compromisarios (electors, en inglés) do colexio eleitoral vanse reunir o próximo 19 de decembro para formalmente elixir o presidente dos EUA. En principio, o taboleiro de marcas está cantado: 290 a 232, o cal garante a presidencia a Trump. Mais, segundo informa Politico.Com, hai sectores nas marxes do Partido Demócrata (embora alentados polo secretario de comunicación de Clinton, John Podesta) que se estarían a mover para demandar unha recontaxe dos votos, por pretensas irregularidades no sufraxio electrónico, nos estados de Michigan, Pennsylvania e Wisconsin. Ese novo escrutinio ten sido solicitado tamén pola candidata do Partido Verde, Jill Stein. Aliás, Politico.Com indica que até media dúcia de compromisarias e compromisarios do colexio eleitoral (un deles do Partido Republicano) poderían mudar o sentido do seu voto. En todo caso, non daría para alterar o resultado final nun sentido favorábel a Clinton.

En 29 Estados existen leis que obrigan as compromisarias a votar polo candidato que obtivo a victoria na súa xurisdición. Voces dentro do partido demócrata estanse a erguer estes días contra estas leis e contra o sistema eleitoral no seu conxunto. Achan acubillo na contundente victoria de Clinton en voto popular. Segundo os últimos dados divulgados por Cook Political Report, a candidata demócrata tería obtido no conxunto dos EUA 64.418.125 votos face os 62.314.184 de Trump (48,1 por cento face ao 46,5, un 1,6  por cento de marxe para Clinton).

En voto popular Trump si gaña a Clinton nos swing states, isto é, naqueles estados indecisos onde realmente se disputaron as eleccións

Inquirido a este respeito nunha recente entrevista no New York Times, o presidente eleito deixou entrever que o seu obxectivo na campaña foi o de conseguir a maioría de votos no colexio eleitoral e que, portanto, apenas fixo campaña naqueles estados populosos (New York ou California) onde non tiña ningunha opción de ficar por diante de Clinton.

De feito, en voto popular Trump si gaña a Clinton nos swing states, isto é, naqueles estados indecisos onde realmente se disputaron as eleccións. Neles o republicano conseguiu 22.134.291 votos face os 21.280.128 da demócrata.

A estas alturas, dúas semanas após a xornada eleitoral, a contaxe dos sufraxios aínda está por finalizar en 15 estados. A saber: Alaska (lévase feito o 99,5 por cento do escrutinio), Connectica (99,9), Illinois (99,1), Iowa (99,9), Kansas (99,9), Maryland (99,9), Missouri (99,9), New Jersey (99,3), New York (99,7), Oregon (99,1), Pennsylvani (99,8), Texas (99,9), Utah (94,3), Virginia (99,9) e Washington (91,3).

Unha significativa parte dos votos que fican por escrutar son os dos soldados norteamericanos destacados no exterior.

Comentarios