O ÁLBUM DO CCG CHEGA AO CENTO DE BIOGRAFÍAS

Cen historias de mulleres

Vidas sorprendentes, obras descoñecidas, episodios ocultos, historias silenciadas. O Álbum de Mulleres que promove a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega recupera as biografías dun cento de mulleres.
As Marias
photo_camera As Marias
 

Desde o 2005 no que se iniciou o Álbum de Mulleres, aos poucos fóronse sumando biografías até o cento ao que chegan neste 2012. Participantes na Resistencia como Placeres Castellanos ou Mercedes Núñez, xornalistas da altura de Concha Castroviejo ou Mª Luz Morales, personaxes históricas de nomes case míticos como son os de Exeria, Urraca ou Inés de Castro, guerrilleiras como Enriqueta Otero e exiliadas entre as que atopamos a Isabel Rios, Amparo Alvajar ou Syra Alonso son algunhas das que o proxecto dá a coñecer. Canda elas, colectivos femininos como as mulleres das Encrobas, as que participaron no Seminario de Estudos Galegos ou as irmáns Fandiño toman parte deste centro de documentación dixital que ten como obxectivo dar a coñecer a historia das mulleres galegas ou relacionadas coa Galiza.

No proxecto da Comisión de Igualdade, coordinada por Mª Xosé Agra, as biobibliografías pódense agrupar nos distintos ámbitos de actuación, do xurídico ao docente, do deportivo ao artístico, do literario ao agrícola alén daqueles nomes que destacaron pola súa acción político-social ou por sofreren a represión franquista. En cada unha delas, ademais da información arredor da vida, inclúese documentación anexa, fotos e distintos recursos que completan os perfís biográficos. O Álbum sorprende pola súa dimensión, porque dá conta de numerosas historias de mulleres que desenvolveron traxectorias esforzadas en distintas áreas profesionais e das que, maiormente, descoñecemos os seus logros.

Ademais das biobibliografías, o álbum inclúe liñas do tempo en que destacan os feitos protagonizados polas mulleres ao longo da historia. Especiais dedicados aos diversos ámbitos temáticos arredor das mulleres son materiais de grande valor polo seu acervo documental que se atopan tamén no Álbum de mulleres. Os traballos monográficos dedicados á celebración do 8 de marzo, ao teatro, á memoria histórica, ao mar, a literatura infantil ou as letras ofrecen unha información exhaustiva coa compilación e reprodución de infinidade de materiais documentais.

Como actividade da Comisión de Igualdade, cada ano celébrase unha xornada dedicada a analizar a traxectoria dunha muller que, por distintas razóns, tivese destacado nunha determinada área de actuación. Xohana Torres no ámbito literario, Mª Wonenburger Planells no das matemáticas ou Olga Gallego no eido documental foron as mulleres protagonistas desta programación anual. Á marxe da celebración da xornada dedicada a elas con estudosas da súa obra e mulleres relacionadas coa súa disciplina profesional, o álbum incorpora cada ano unha “cartografía” elaborada arredor da muller que centrou a xornada. Cada cartografía introduce datos biográficos, documentos ou imaxes que, por veces, son o máis amplo achegamento biobibliográfíco da figura seleccionada. As intervencións das participantes no programa das xornadas tamén son accesíbeis no Álbum.

Alén deste arquivo dixital, desde o ano 2005 a Comisión de Igualdade comezou o proceso de recuperación da memoria do movemento feminista organizado. Con este fin, están a recuperar fondos das organizacións xa sexan documentos como cartas, revistas, panfletos, follas voandeiras ou boletíns ademais de recorrer, tamén, aos arquivos privados e individuais dalgunhas feministas participantes do movemento.

Comentarios