"C'o Programa d'ista noite damos comezo ás nosas transmisiós en língoa galega". Ás 23.45 horas do 14 de abril de 1947, comezaba así a primeira programación radiofónica estable en galego, e facíao desde a BBC de Londres. Os micrófonos do "Galician Programme" permitiron oír desde calquera recuncho de Galiza colaboracións das figuras máis importantes da nosa cultura. A Real Academia Galega, conserva no seu arquivo os guións deste espazo, emitido ata que en 1956 as presións do goberno de Franco acabaron con el.
O espazo emitíase, cunha duración variable, cada tres semanas dentro do "Spanish Programme", alternándose cos dedicados ás culturas catalá e vasca. A melodía de Cock of the North, unha popular canción escocesa, marcaba o inicio e o Alalá de Bande, a Muiñeira de Cartelle ou o Pasacorredoiras de Arnoia, o peche. Os 80 guións do "Galician Programme" son custodiados na RAG grazas á doazón do seu editor e presentador, o xornalista ourensán Alejandro Raimúndez.
"As emisións en lingua galega dende a BBC de Londres son un capítulo sobranceiro e moi significativo da estratexia do galeguismo para estar presente no espazo internacional da comunicación logo da desfeita que significou a Guerra Civil. Unha acción estratéxica desde o exilio interior, principalmente de persoas arredor de vellos militantes do Partido Galeguista que por aquelas datas estaban a configurar a Editorial Galaxia", salientaba en 2017 o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes”. Un logro que non se pode entender nin explicar sen a implicación e achega de persoas como Plácido R. Castro.