Bruxelas contradí a Rajoy: ''Quen dá cartos nunca os dá gratis; con certeza que haberá condicións''

O vicepresidente da Comisión Europea, Joaquín Almunia, asegurou que os xuros do rescate de 100.000 euros feito polo Eurogrupo á banca española  afectarán ao déficit ''porque son un gasto''. Xusto o contrario do que dixo o presidente do Goberno español
photo_camera Imaxe: lamoncloa.gob.es

"Quen dá cartos nunca os dá gratis, pon condicións e quere saber que se fai con ese diñeiro". Así de taxativo se manifestou o vicepresidente da Comisión Europea, Joaquín Almunia, ante os micros dunha emisora española, respecto do rescate ao sistema financeiro de até 100.000 euros acordado polos ministros de Economía e Finanzas da zona euro. Póndose na postura de Bruxelas, Almunia levou a contra a Mariano Rajoy. Asegurou que "os xuros do préstamo" feito polo Eurogrupo afectarán ao déficit e que "con certeza que haberá condicións".

"Son os estados membros os que poñen a facilidade do préstamo, e todo préstamo leva parellas unhas condicións. Non é só devolver o préstamo". As palabras do vicepresidente da Comisión Europea contradín as pronunciadas este domingo polo presidente español. Rajoy vendeu o seu éxito, insistindo en que "quen presionou fun eu" á hora de tomar esta decisión, e recalcou que "non afectará ao déficit público" e que "non hai condicións" na concesión dos cartos.

Con estas palabras, Rajoy desmentiu ao seu ministro de Economía, Luis de Guindos, quen dixera que os xuros xerados por ese préstamo computarían como gasto a efectos do déficit. Joaquín Almunia recuperou esta segunda a explicación dada por De Guindos: "O préstamos non computa como déficit, mais si como débeda; os xuros si, porque son un gasto".

Máis en Mundo
Comentarios