O magnate Poroshenko, favorito nas eleccións presidenciais dunha Ucraína dividida

O aspirante favorábel á UE e a OTAN é o principal candidato á vitoria nuns comicios nos que non participarán Crimea, Lugansk e Donetsk e sobre os que o presidente de Rusia, Vladimir Putin, afirmou que “respectará os resultados”.

 

 

ucraina-crop
photo_camera Poroshenko, nun mitin.

Millonario dono dunha empresa de chocolates, sobre o que existen bastantes dúbidas en vista do enriquecemento que obtivo após o seu paso hai anos polo ministerio de Desenvolvemento Económico, da man do propio presidente de Ucraína deposto, Viktor Yanukovich, pero máximo favorito para gañar as eleccións que este domingo celebra o seu país, ou o que queda del desde que a revolta de Maidán -con apoio da UE e a OTAN e mesmo liderada por sectores neo-nazis- depuxo ao goberno saído da última chamada ás urnas. Ese é Petro Poroshenko.

As eleccións presidenciais celébranse este domingo nunha Ucraína diminuída logo de perder varios territorios no leste, como Crimea, Lugansk e Donetsk, que se autodeterminaron. Alí non haberá comicios, seguen os enfrontamentos armados.

No resto do que aínda algúns organismos internacionais consideran Ucraína, Poroshenko até é viábel que obteña a vitoria directa, que logo terá que levalo a un camiño cheo de incógnitas que afectan ao futuro inmediato do país nas súas relacións coa UE, con Rusia, e coas comunidades escindidas, onde a forza segue a estar en mans dos rebeldes, malia a ofensiva do exército do leste.

Sospeitoso

Mais Poroshenko está baixo sospeita. Só un 4,4 por cento da poboación cre que o empresario de 48 anos é un home “honesto”, segundo unha enquisa realizada o pasado mes de abril por catro institutos sociolóxicos do país. Con todo, e malia a tensión existente, o presidente de Rusia, Vladimir Putin, afirmou que respectará a decisión que adopte Ucraína nas eleccións presidenciais e manifestou a súa vontade de cooperar coas autoridades electas, segundo fixo saber nunha comparecencia durante o Foro Económico Internacional que se celebra en San Petersburgo.

Nese mesmo escenario, Putin mostrou a súa preocupación polo feito de que “radicais ucraínos poidan cortar o subministro de gas de Rusia ao resto de Europa”.

Máis en Mundo
Comentarios