Alternativa emerxente na República de Irlanda, onde nunca foi maioritario malia a súa forza social, e partido de referencia da súa comunidade e en ascenso -ao contrario dos seus adversarios- no Norte. Esa é a magnífica impresión que manexa o Sinn Féin após coñecérense os primeiros datos do escrutinio das eleccións locais, así como das europeas a nivel oficioso, en Irlanda.
Malia a detención durante catro días do seu líder, Gerry Adams, acusado dun asasinato sen resolver e que se saldou coa súa liberación sen cargos directos -o que foi interpretado como unha montaxe política para frear a suba nas enquisas da súa formación- o Sinn Féin segue crecendo, mesmo parece que será o partido máis votado na capital da República, Dublín.
Algúns inquéritos apuntan a que o Sinn Féin podería obter tres eurodeputad@s -non tivo ningún na última lexislatura- así como triplicar a súa presenza nas institucións locais da República. Os resultados oficiais das europeas non se coñecerán até as 23:00 horas.