Unasur presentará unha denuncia contra Estados Unidos por inxerencias en Venezuela

Doce países de América do Sur deciden queixarse de maneira formal contra a actuación do xigante do norte en Venezuela, que consideran “inxustificadas violacións dos mínimos do Dereito Internacional”

unasur-crop-crop
photo_camera Xuntanza de Unasur.

A Unión de Nacións de América do Sur (Unasur) anunciou que presentará unha denuncia formal contra Estados Unidos por inxerencia nos asuntos internos de Venezuela, decisión tomada após o primeiro encontro de ministros de Exteriores dos doce países que conforman o organismo, celebrado na provincia ecuatoriana de Galápagos.

Así o anunciou o dirixente de Venezuela, Elías Jaua, en declaracións á emisora venezolana TeleSur. Esta medida chega un día despois de que unha comisión do Senado de Estados Unidos abrise a porta a posíbeis sancións contra “aqueles funcionarios venezolanos” que supostamente “violen os Dereitos Humanos”, no que se entende como outra medida de presión contra o goberno lexítimo de Nicolás Maduro baseada en datos manipulados.

“Imos presentar a primeira denuncia formal en contra do Senado de Estados Unidos pola inxerencia nos asuntos políticos internos de Venezuela e a aplicación de sancións ilegais, unilaterais e inxustificadas violacións dos máis mínimos elementos do dereito internacional”, engadiu Jaua.

Aliás, os ministros que conforman Unasur están estudando a posibilidade dun cambio de sé da Conferencia de Estados da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH), que actualmente ten a súa residencia en Washington, segundo informou o goberno bolivariano: “Houbo un conxunto de decisións que foron tomadas en contra de Venezuela; cando con gobernos anteriores, doutra cor, ante terríbeis casos represión fixeron caso omiso”.

Máis en Mundo
Comentarios