Afiliados de Ciudadanos en Galiza piden a demisión do secretario de Organización e que Albert Rivera dea a cara

A crise xerada polo relevo do candidato na Coruña esténdese. O partido impide a coordenadores críticos o acceso á intranet do partido.

Antonio Rodríguez Ciudadanos Imaxe Radio Galega
photo_camera Antonio Rodríguez

A crise aberta en Ciudadanos de Galiza polo relevo do ex-deputado e candidato no 20-D para a cita do 26-X non ten fasquía de minguar. Todo o contrario. Afiliados de Ciudadanos en Galiza reclamaron a demisión do secretario de Organización, Francisco Hervías, para alén de solicitar a presenza de Albert Rivera, para que dea explicacións.

Unhas demandas que abrollan no marco das críticas que se realizaron desde agrupacións como A Coruña, Ames, Cambre, Culleredo e Oleiros a raíz da substitución de Antonio Rodríguez, candidato do 20D, por José Canedo, un dos homes fortes do partido en Galiza e ex-candidato de UPyD nas eleccións galegas de 2012.

Desde o partido, e segundo recolle Europa Press, impediuselle o acceso á intranet de Ciudadanos aos sectores críticos, o que estes consideran unha represalia. Desde estes sectores queren tamén que Canedo renuncie á candidatura, para respectar así a decisión adoptada no seu momento nas primarias.

Comentarios