O alcalde de Mondoñedo denuncia as deficiencias da A-8 e acusa a Xunta de “esquecemento”

O rexedor nacionalista insiste en que os sistemas antinéboa non son os axeitados logo do accidente múltiple que provocou unha morte e máis de 50 persoas feridas e que puido ser unha traxedia moito maior.

O alcalde de Mondoñedo, o nacionalista Orlando González, cre que os "sistemas antinéboa" da autovía A-8, ao seu paso por este municipio lucense, "non son suficientes". De feito, sostén que o accidente múltiple que ocorreu este sábado entre Abadín e Mondoñedo, no que faleceu unha muller e máis de 50 persoas resultaron feridas, é unha proba diso. Só a decisión d@s afectad@s de abandonar os seus vehículos evitou unha traxedia de xigantescas dimensións.

"Quen é de aquí xa sabe que con néboa é mellor non usar ese tramo da autovía, pero segue sen solucionarse o problema", afirma Orlando González

O rexedor mindoniense asegurou que os "dous problemas" que ten a A-8 ao seu paso por Mondoñedo son "a néboa e o vento". Indicou que o vento, en ocasións, "fai voar o toldo" dos camións. Por iso, @s condutores que xa coñecen a zona "non van" por ela cando "hai moito vento". No que respecta á néboa, González asegurou que @s mindonienses non utilizan o tramo da autovía A-8 ao seu paso por Mondoñedo cando hai néboa. "Non o usamos por precaución", dixo o alcalde.

Así as cousas, o rexedor do BNG reclamou unha "solución efectiva", pois sostén que os actuais sistemas antibéboa, "non son suficientes". Aínda así, confesou que, ao non ser un "técnico", non sabe cal debería ser a solución.

Ademais das críticas aos actuais sistemas contra a néboas da A-8, o alcalde de Mondoñedo denunciou as condicións do acceso 124, en Curros. Orlando González cre que a Xunta ten "esquecida", a Mondoñedo e os seus habitantes.

Comentarios