Beiras na xuntanza con Unidos Podemos en Madrid: “Aquí non se vai decidir o que se vai facer en Galiza"

 O portavoz nacional chama a recuperar o espíritu de Nunca Máis e o 15M. Afirma que o 26X deixou en En Marea un sabor “agridoce”.

anova beiras podemos madrid confluencias
photo_camera Imaxe: Anova

Anova enviou á reunión de Unidos Podemos e as confluencias que se realizou en Madrid unha delegación de peso, indicativo da importancia que lle daban a este encontro: o seu portavoz nacional, Xosé Manuel Beiras; a deputada en Cortes, Alexandra Fernández; o Coordinador Nacional, Antón Sánchez; a Secretaria de Organización, Esther Duro e o Responsábel de Relacións Políticas, Raúl Asegurado. Na orde do día, a análise dos resultados electorais do 26 de xuño, uns resultados que o propio Beiras recoñececeu como “agridoces” para En Marea. A preguntas dos xornalistas ao finalizar a reunión, o portavoz nacional negou que no cónclave se tratasen cuestións relacionadas coas eleccións galegas:"Galiza é unha nación dentro do Estado español pero é un país distinto. Aquí non se vai decidir o que se vai facer en Galiza", manifestou. O feito de que En Marea non teña aínda candidato, nin estea moi claro cal vai ser o método de elección do mesmo, así como as discrepancias ao respecto propicia especulacións sobre calquera paso que se dea por parte dos integrantes da coligazón.

Recoñeceu que En Marea non foi quen de sumar para o seu proxecto “continxencias de nacionalistas de esquerda” que o 26X non votaron BNG

Beiras considera que hai que recuperar o espírito de Nunca Máis e o 15M para insuflar nova vida ao proxecto. “Consideráse que se rematou unha fase do proceso” e que agora é preciso avanzar cara a unha nova etapa. O portavoz expuxo perante Unidos Podemos e o resto das confluencias a avaliación provisional de Anova sobre o 26X , que cualificou como “agridoce. Considerábamos que esta nova convocatoria debería ser utilizada por En Marea para dar un salto adiante, e iso non sucedeu, pero de todos os xeitos segue a estar nunha gran posición”.

“Se o facemos ben, podemos ser alternativa que remate con Feijóo”

Recoñece, tamén, que En Marea non foi quen de sumar para o seu proxecto “continxencias de nacionalistas de esquerda” que deixaron, dixo, de apoiar o BNG; polo que chamou a “ampliar” a base de apoio á coligazón. “Se somos intelixentes, e o facemos ben, podemos ser a alternativa que remate en Galiza con Frijol, como lle chamo eu”

Comentarios