Besteiro rexeita pedir a demisión d@s imputad@s na operación Pokemon

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, o secretario xeral do PSdG-PSOE reitera que "a presunción de inocencia afecta a todos os cidadáns, tamén aos políticos" e que non pedirá o cargo nen do alcalde de Lugo nen dos rexedores do PP implicados.

psoe
photo_camera [Imaxe de arquivo: PSdG-PSOE]


O secretario xeral do PSdG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, rexeitou pedir a demisión de ningún dos rexedores aínda no cargo cuxa implicación na operación Pokemon contra  a corrupción política ficou de manifesto ao se levantar o segredo de sumario este 1 de febreiro. 

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Besteiro reiterou até en tres ocasións a mesma frase, "a presunción de inocencia afecta a todos os cidadáns, tamén aos políticos", e deixou claro que non vai pedir que nen o alcalde de Lugo --Xosé López Orozco do PSdG-PSOE-- nen os rexedores do PP implicados e aínda no cargo --o da Coruña, Carlos Negreira; e o de Compostela, Ángel Currás-- poñan o cargo a disposición das súas organizacións políticas. 

"É un discurso que veño repetindo desde hai catro anos", dixo, en referencia á petición de respeito pola presunción de incocencia e "de celeridade e transparencia" nos procesos xudiciais destas características para evitar "xuízos paralelos".

Un ex concelleiro do PSdG-PSOE, fascinado co caciquismo de Baltar

O informe de Vixilancia Aduaneira confirma que López Orozco cobrou un sobresoldo mensal de Vendex que ascendía a 2.000 euros e que Francisco Fernández Liñares, ex-concelleiro lucense e presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, chegou a lle manifestar ao rexedor a súa admiración pola forma de facer política do ex presidente da deputación de Ourense, José Luís Baltar, porque "un cacique é un xestor da cercanía".

A respeito de todas estas informacións contidas no sumario da Pokemon, Besteiro considerou que "poden producir incerteza" mais volveu insistir en que non vai pedir demisións. "Non as pedín nen cando había casos que afectaban ou afectan ao Partido Popular porque creo que non se debe interferir na esfera xudicial e hai que contribuír a esclarecer a verdade", explicou o socialista. 

Comentarios